Remodelando a escritura

Título: Afilar el lapicero (Esmolar l’eina

Autor: Cassany, Daniel

Lugar de edición: Barcelona

Año de edición: 2007

Editorial: Anagrama

 

Este libro é un de moitos que Cassany lle adica á redación e á formación de profesionais da escritura. Realmente non se centra, nin moito menos, nos xornalistas ou comunicadores. Máis ben realiza un resumo dos aspectos máis relevantes á hora de escribir un texto de certa profesionalidade. O resumo da parte de atrás da a entender que se van a tratar máis a fondo os temas de redación xornalística, como deixan entrever as primeiras liñas: “¿Pendiente de concluir un escrito comprometido? ¿Angustiado ante la redacción del “artículo definitivo”? ¿Con responsabilidades en la revisión de los textos? ¿Interesada en la calidad comunicativa?, ¿en la formación de comunicadores? ¡Éste es tu libro!”

Está dividido en trece capítulos e un epílogo onde resume de xeito moi xeral as motivacións que o levaron a escribir o libro. Á súa vez, cada un destes comeza cunha cita que serve como presentación ao que o lector se vai atopar cando lea. O uso de metáforas moi ilustrativas fai que comprendamos o que nos quere dicir realmente Cassany en cada capítulo. O que resulta máis interesante e valioso desde o punto de vista xornalístico son os cinco primeiros. Neles aparecen recollidos aspectos tan relevantes como a análise do lector, as voces nominais que ten que usar un bo autor ou o xeito de organización dos datos dentro dun escrito.

Con respecto ao lector, exemplifica de maneira moi clara e directa as diferenzas existentes entre un texto dirixido a unha persoa coñecida por nós, en contraposición cun escrito “de masas”, onde descoñecemos a identidade dos lectores. Ensina a segmentar á nosa audiencia en lectores filtro, principais, secundarios… xa que proporciona información útil de a quen nos temos que dirixir segundo a temática ou a redación do noso texto. Sen embargo, a partires de aquí, vai pouco a pouco centrándose en escritos concretos dentro dun ámbito profesional propio; é dicir, céntrase nos lectores dunha empresa que teñen que ler informes, balances, auditorías… ou mesmo no que teñen que facer os autores para crealos. Pouco a pouco vai esquecendo os aspectos xenéricos para facer fincapé neste tipo de cuestións que, ao meu xuizo, resultan menos interesantes porque non teñen nada que ver coa forma de escribir xornalismo.

O capítulo tres céntrase nas voces do autor. Segundo Cassany, o lector é o protagonista, non o autor. Fai alusión a que é preferible usar a primeira persoa do plural (nós entendemos, nós detectamos…) que non a primeira do singular. Non está dacordo tampouco con esconder ao autor baixo formas impersoais como (entendeuse, detectouse…) porque, se ben é certo que o autor non é protagonista, o lector tamén é consciente de que detrás do texto que está a ler hai unha persoa que o escribiu. Cassany así o reflexa na cita que encabeza o capítulo: “El profesional querría utilizar el lenguaje como usa un fotógrafo la cámara fotográfica; es decir: sin salir en la foto. Pero igual que la fotografía tiene un encuadramiento, una perspectiva, una composición y un punto de vista elegidos, así enseña el plumero el escrito”.

O seguinte capítulo, onde explica a mellor forma de organizar os datos é relevante porque está baseada na fórmula xornalística da pirámide invertida como a máis idónea. Como na maioría das ocasións nos diriximos a grupos de persoas con caracterísitcas variadas e diferentes, o noso público soe ser moi heteroxéneo. Cassany indica que o ideal é escribir os datos xerais, que comprenden todos os lectores, ao principio do escrito. A medida que o lector avanza na lectura vai perdendo interese. Só os que buscan profundizar nun determinado tema e non quedan satisfeitos cunha idea global, son os que rematan o texto. No último escalón da pirámide aposta pola colocación de anexos que inclúan datos destinados a un número limitado de lectores.

O resto dos episodios están máis destinados á elaboración de auditorías, informes sobre datos concretos… e esquécese máis a redación xornalística. Nos capítulos oito e nove comenta algúns aspectos que cómpre analizar e que poden servir para os comunicadores. Afirma que é moi importante, sempre que se poida, usar afirmacións e evitar as negacións. O lector que quere unha visión global e non presta atención ao escrito pode obviar as partículas negativas e entender todo o contrario que se quere dicir. Outro aspecto recollido no capítulo nove é a explicación das oracións activas e pasivas. No xornalismo as oracións que se deben usar son as activas, máis claras e precisas, mais en moitos escritos profesionais non relacionados co xornalismo utilízanse as pasivas. Cassany, baseado nos estudos de Turk e Kirkman (1992) recoñece que é preciso moderar o uso destas formas pasivas en todos os textos, xa que dificultan a comprensión e engaden palabras innecesarias.

Tamén é preciso sinalar os aspectos máis relevantes do capítulo once, centrado na elaboración de táboas. Céntrase no contido e nos aspectos formais destas. Unha táboa, ou un resumo, debe conter os datos máis relevantes que permitan que o lector se faga unha visión global do conxunto sen perder moito tempo na súa observación. Para o autor isto non é sempre fácil, xa que se tende a elaborar táboas moi complexas e con máis datos dos precisos. A nivel de contido Cassany, baseándose novamente en estudos de Turk e Kirkman (1989), diferencia as táboas dependentes (que ofrecen a información necesaria dentro do fío argumental) e as independentes (con datos máis específicos e que só lle interesan a certos lectores). No eido dos aspectos formais, son curiosos e interesantes os exemplos de táboas que elabora o autor. Vén a dicir que, segundo o aspecto que queiramos destacar, usaremos máis ou menos liñas, un entramado concreto ou táboas abertas ou pechadas. Estes elementos pásanse por alto, pero inflúen na maneira de ler a táboa que ten o destinatario.

Finalmente, o epílogo recolle as impresións do autor e o que o levou á elaboración desta guía. Fixouse que a maioría das persoas non saben escribir con propiedade e adaptarse ao que se lles pide en cada momento. Para el a escritura úsase para exercer o poder, tendo máis opcións de triunfar os que fan un mellor uso dela. Adaptarse a cada situación á a chave. Cassany afirma categoricamente que “sólo cuando tenemos claro qué queremos decir y cuando conocemos los recursos para hacerlo, sabemos elegir la mejor opción”.

 Complementario: Cassany fala do seu libro

Lara Salgado Santos


Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s