Imos de grouchos

Título: Os Grouchos

Autor: Manuel Rivas Barrós

Lugar e ano de edición: Vigo, 2008

Editorial: Edicións Xerais Galicia, S.A.


Os Grouchos
son pequenos grolos, de pensamento libre e revelador, aos que Manuel Rivas nos convida nesta obra. Constitúen unha recompilación de artigos publicados no suplemento literario Luzes, publicado dende novembro do 2006 os venres na edición galega de El País, e que inclúe tamén novos textos.

Ao embarcármonos na lectura, o autor guíanos por un mar de trebóns, tesouros agochados e corpos náufragos. Por un corpo aberto, de doentes feridas, que é a realidade actual e pasada de Galicia.

A paisaxe doe, a terra berra,e a xente cala. Embozada de forma perpetua a fervenza do Salto do Pindo, ocupada a ría de Ferrol por Reganosa, pavimentado o Fin da Terra e deconstruído o monte Gaiás, Rivas invítanos ao refuxio dos cadros de Lugrís, onde aínda sobrevive a Galicia Atlántica.

Doe tamén a desmemoria, de todos aqueles galegos que loitaron contra as forzas opresoras, aquí e na diáspora. Figuras como Antolín Faraldo ou Carlos Oroza, son só un exemplo de importantes nomes que se perden no tempo. Esquecemos tamén con facilidade feitos tan atroces como o espolio da casa e a magnífica biblioteca de Santiago Casares Quiroga en Panadeiras 12(Monte Alto, A Coruña) e a queima de moitos dos seus libros. E nin sequera lle dámos a benvida a artistas como Maruxa Mallo, que ao volver do exilio atopan as portas pechadas no país polo que entregaron a vida.

Na Galicia de alén mar, o esquecemento habita tamén en Chacabuco 955,en Bos Aires, onde o Hotel dos Emigrantes foi o primeiro refuxio dos galegos emigrados e exiliados, un importante centro de resistencia da ditadura franquista e tamén da ditadura militar arxentina. Alí morreron tamén moitos galegos que loitaron pola liberdade da Galicia universal. Alí, na Galicia arxentina, tamén Díaz Pardo, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Castelao, Colmeiro e outros, editaron en Ruedo Ibérico de José Martínez, o libro que navegou clandestino ata París e que agora se perde nos estantes, o Galicia Hoy.

E doe tamén o desprendemento. Ese deixar esmorecer, e mesmo querer borrar, o noso maior tesouro, que é a lingua. Rivas reivindica o poder da lingua galega en positivo, contra todas aquelas elites e políticos “conservadores”, que con satisfacción se desfarían desa nosa identidade para abrazar con gozo o inglés do progreso.

Mais nestas páxinas hai moito máis que dor: vive a esperanza de quen espera que a sociedade esperte do “contentamento descontente” no que está varada. Que sexa capaz de falar e derribar os “muros do silencio”, facer da rebeldía unha destreza creativa, coma nas mobilizacións do Nunca Máis.

Un pobo librepensador, galeguista alén das fronteiras territoriais, como o son Erin Mouré, Hermann Stefansonn, Patrick O´Flanagan, Colin Smith ou Jonh Rutherford entre moitos outros, que fan da nosa identidade unha “célula de universalidade”, unha esfera portátil para levar enriba da cabeza, con epicentro en Galicia.Un país que se encha de bibliotecas, de libros sen enterrar, de arte creativa, de memoria, de cultura que encha o baleiro do Gaiás, como a Gaia de Lovelock, un universo de vida en harmonía.

Manuel Rivas proponnos, nestes Grouchos que se beben coma pequenos relatos, unha dose de luz da Torre de Hércules, un “espazo de simpatía” e verdadeiros parabéns. Unha obra aberta sen valados a onde os estorniños poidan retornar. Un país con máis vagalumes e xoaniñas, onde non esquezamos A derradeira lección do mestre.

M.Cruz Negreira Rey

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s