Falando de entrevistas

Título: La voz de los otros

Autor: Ricardo Cayuela Gally

Editorial: Barril Barral

Lugar de edición: Barcelona

Data de edición: Outubro de 2009

La voz de los otros é unha recompilación de entrevistas a diferentes personaxes realizadas por Ricardo Cayuela Gally na súa etapa como xornalista. O resultado é un conxunto de anécdotas, historias e opinións pero tamén un cadro de reflexións acerca de moitos temas de actualidade vividos en primeira persoa.

Este libro polo tanto permite ser analizado dende dúas perspectivas. Por unha banda, afonda en acontecementos que marcaron a historia e por outra, convértese nun verdadeiro manual da entrevista xornalística. Ricardo Cayuela prepara as entrevistas dunha maneira moi pormenorizada, coñecendo moi ben a obra e o seu autor. Nembargantes, a presenza de Gally no libro é escasa e a vez moi visible xa que cede a atención ó entrevistado, realizándolle preguntas concisas e directas que o obrigan a contestar as cuestións. O xornalista sabe combinar silencios con comentarios, preguntas con afirmacións variando tamén a orientación da entrevista dependendo do personaxe. As preguntas, as veces improvisadas en función das respostas son capaces de iluminar as sombras que deixa o entrevistado, pero sen perder nunca de vista o fío condutor. Outro aspecto relevante é que a través das propias palabras do autor, podemos chegar a coñecer a personalidade que se agocha detrás, o que nos permite coñecelo como personaxe pero tamén como persoa.

En resumen, un libro que recomendo para aqueles que queiran afondar no arte da entrevista xornalística. A miña única crítica desta recompilación é quizais a necesidade dunha descrición previa máis ampla tanto do tema como do personaxe. Mario Vargas Llosa, Carlos Fuentes, Fernando Benítez, Fernando Savater, Jorge Semprún, Ryszard Kapuchinski, Ayaan Hirsi Ali, Enrique Krauze, Sergio Pitol, Jon Juaristi, Carlos Franqui, Teodoro González de León, Manuel García y Griego, Adam Michnik e Roger Bartra son as 15 voces que conforman La voz de otros, unhas voces que viviron e nalgúns casos cambiaron o curso da historia. Comparto con vós, aquelas entrevistas que máis me chamaron a atención.

Entrevista a Mario Vargas Llosa (1993)

Neste cuestionario, ademais da faceta como escritor de Mario Vargas Llosa, a atención recae sobre a relación do escritor co seu país natal, Perú. Vargas Llosa consciente de ser un intelectual con voz intentou impulsar cambios en Perú, presentándose como candidato a presidencia e sendo vencido por Fujimori. Realízase polo tanto, unha análise sobre a situación política neses anos e o que supuxo esta derrota política para o escritor.

Entrevista a Carlos Fuentes (1996)

Ricardo Cayuela entrevista a un dos escritores mexicanos máis coñecidos de finais do século XX para falar da súa novela La frontera de cristal. Nesta obra Fuentes analiza a separación existente entre México e Estados Unidos como un muro de Berlín entre as dúas culturas. Ademais dun profundo análise da obra, tamén se abordan outros temas máis xerais, como a necesidade dun progreso sempre crítico con memoria ou o análise da novela como xénero literario, do que Fuentes afirma que “ a novela non debe probar nada, pero debe ser crible”.

Entrevista a Fernando Benítez (1996)

Fernando Benítez é considerado por algúns autores como a lenda máis recente da cultura mexicana. Cando se realiza a entrevista, o escritor ten 84 anos e moitas experiencias as súas costas. Despois de vivir vinte anos cos indios en México reflexiona sobre a verdadeira democracia e sobre o verdadeiro problema do seu país, que na súa opinión non é outro que a desigualdade existente. Gally tamén afonda nun dos seus libros máis coñecidos, El peso de la noche, onde se narra toda a historia de México falando de personaxes como Hernán Cortes ou o indio Juárez.

Entrevista a Enrique Krauze (1996)

Nesta entrevista “sen escusa xornalística” como a denomina o propio Gally, fálase do conxunto da súa obra na que se engloban as biografías dos líderes máis importantes na historia de México e onde Krauze afirma que “na vida dos países, os séculos son como os anos na vida dos homes”.  Neste minucioso cuestionario tamén se fala da democracia. O historiador mexicano afirma que non nos podemos pasar a vida esperándoa senón que debemos aproveitar os momentos históricos propicios, sen deixar pasar a oportunidade como ocorreu no seu país.

 Entrevista a Ryszard Kapuscinski (2002)

Durante toda a súa vida Kapuscinski foi testemuña de revoltas, guerras, golpes de estado e xenocidios, estando alí onde había un conflito que cubrir. Ricardo Cayuela conta no preludio da entrevista que tivo que ter coidado co xornalista, xa que nun primeiro momento foi el mesmo o entrevistado. O reporteiro, conta como cambiaron os actores e os obxectivos das guerras e que na actualidade hai guerras “sen vítimas” que lle permiten o poder provocar conflitos sen a oposición da sociedade. Neste novo tipo de guerra o papel da informática e das comunicacións é clave para o seu desenvolvemento. Kapuscinski tamén fala da súa relación con África e da admiración que sente ante unha sociedade que atopa alegría no medio da dor a pesar das súas circunstancias.

 Entrevista a Ayaan Hirsi Ali (2006)

Feminista, política e combativa son algúns dos adxectivos que poderiamos utilizar para definir a Ayaan Hirsi Ali, a única muller entrevistada desta recompilación. Hirsi Ali realiza unha autocrítica do islam e invita a reflexión e a análise dalgúns aspectos claves desta relixión. Afirma que os seres humanos temos a capacidade crítica de seguir uns camiños e rexeitar outros. Tamén reflexiona sobre o positivo que sería para o mundo islámico aceptar algúns dos valores occidentais sen perder a esencia da súa cultura. A situación da muller en oriente é outro dos temas que se tratan na entrevista, sendo Hirsi Ali unha defensora da liberdade individual.

Claudia Cid Nieto

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s