Somos prisioneiros dos medios?

Título: Desinformación. Cómo los medios ocultan el mundo

Autor: Pascual Serrano

Editorial: Península

Lugar e ano de edición: Barcelona, 2009.

Este libro chegou ás miñas mans por pura casualidade. E digo chegou porque foi un préstamo que me fixo un dos traballadores da radio do meu concello aló por setembro. Non coñecía o libro e tampouco o autor pero o título espertou a miña curiosidade. O primeiro que fixen foi abrilo pola metade ao ver que as páxinas eran máis brancas e duras no centro. Atopei varias portadas de xornais (La Vanguardia, El País, El Mundo e Público) e varias fotos de axencia. Debaixo de cada imaxe había un pé de páxina no que o autor indicaba a utilización interesada que os medios lle deran á foto. Obviamente, se non fora pola información que proporciona Pascual Serrano esas fotos pasarían polos nosos ollos e non nos estrañarían en absoluto.

O primeiro que vin do libro gustoume. É inevitable fixarse, en primeiro lugar, nas fotos e nos titulares dun xornal; o problema é que moitas veces non existe unha segunda visión, non lemos a noticia. Así, corremos o risco de quedarnos cun titular sensacionalista, tendencioso ou que pouco ten que ver ca noticia e cunha imaxe descontextualizada que segundo o que nos conte o xornalista pode significar unha cousa ou outra. Os medios saben que os seus lectores non sempre temos tempo a ler a noticia completa e xogan moi ben esta baza. Podería dicir que eu sempre leo todas as noticias de cabo a rabo, pero mentiría. Algunhas as leo porque realmente me interesan e co resto fago unha lectura diagonal. Tamén me quedo cos titulares e cas fotos e foi por iso polo que decidín ler este libro.

-Imaxina unha especie de vivenda cavernosa subterránea cunha longa entrada aberta á luz. Nela, uns homes habitan dende nenos atados polas pernas e o pescozo de modo que só poden mirar cara adiante. Detrás deles atópase un lume que arde ao lonxe, e entre os encadeados e o lume vemos un camiño no que hai construído un tabique parecido ás mamparas dos títeres. Polo camiño pasan homes con diversas estatuas doutros homes ou de animais.

-Que extraña imaxe describes e que estraños prisioneiros!

-Iguais ca nós. Acaso pensas que as persoas encadeadas viron outra imaxe de si mesmos ou dos seus compañeiros senón as sombras proxectadas polo lume na parade da caverna?

Este fragmento corresponde á caverna de Platón. Pascual Serrano decide utilizar esta alegoría para facer referencia á situación que sofre a sociedade na actualidade. Divide aos cidadáns en dous grupos: os consumidores masivos de medios dominantes e a elite política e intelectual (esta última pode aproveitarse do grupo anterior ou manter unha postura crítica). Eses consumidores acríticos cren verdadeiro todo o que din os medios. Son os encadeados que só ven as sombras dos obxectos proxectadas na parede. Pero un dos encadeados libérase e ao dar a volta descobre a falacia. Decide saír á superficie por un camiño escarpado e duro: Achar a verdade non é fácil. Chega ao mundo real e ve as verdadeiras árbores e os verdadeiros animais. A continuación mira directamente ao sol, á verdade. Este home pertencería a unha elite política e intelectual que pode optar por aproveitarse da xente ou facer chegar a verdade á sociedade. Desta maneira, e como dicía o escritor británico Chesterton, os medios pasan de ser portavoces da opinión pública a meros xoguetes das elites. Ao meu entender, a sociedade non é o home atado que só ve o reflexo das cousas, senón que se trata máis ben dun home liberado que descobre o engano pero que non consegue saír da cova. Parte da sociedade decátase da censura nos medios e do silencio que cobre algúns acontecementos: pero onde buscamos a verdade? Como saímos da caverna? Que é certo, que é falso? Na miña opinión, a poboación tórnase máis escéptica co paso do tempo.

O autor valenciano, especializado en política internacional e análise dos medios de comunicación, preséntanos un libro cheo de contidos posible grazas a unha documentación exhaustiva. Pascual Serrano trata diversos temas: dende o funcionamento dos medios de comunicación ata a situación do continente africano, pasando por América Latina e os Estados Unidos. O libro é o conxunto de detalladas reportaxes que van engadindo información da man de diversos especialistas para facernos entender a situación nos diferentes países e nos propios medios. Mediante os pés de páxina Serrano explícanos de onde obtén a información para que poidamos acceder a ela. Desta maneira, podemos pasar de ser meros lectores a xogar un rol máis interactivo: a partir da documentación do libro temos a posibilidade de obter nova información. Trátase dun proceso non finito que consiste en ir engadindo cada vez máis información. Somos nós os que decidimos canto nos queremos documentar e cando é suficiente. No meu caso, decidín centrarme en dous temas concretos: o funcionamento do modelo informativo e o tratamento informativo que se lle dá aos países de América Latina, aos EEUU e ao continente africano. Comecemos cos medios:

“Antes de que poidamos reflexionar de forma serena o acontecido, os medios encárganse de ofrecernos a súa verdade, a súa lectura do mundo”. A isto é ao que lle chama Jean de Baudrillard, filósofo e sociólogo francés, exceso de realidade. A forma máis efectiva de facer propaganda baséase no encuadre, en ensinar o que queremos que se vexa. Ademais, esa información que lle queremos facer chegar ao público está totalmente descontextualizada: non sabemos que ou quen desencadeou o problema e cal é a maneira de solucionalo. O obxectivo non é que comprendamos a situación senón que asistamos a un acontecemento. Por outra banda, os medios non nos aportan a información suficiente como para entender e posicionarnos sobre temas económicos, políticos e sociais. Cando algo nos resulta intelixible acostumamos a deixalo, o problema é que a economía e a política son fundamentais na nosa vida cotiá e deberiamos coñecelas máis profundamente. O autor utiliza citas de especialistas e a partir delas vai conformando unha opinión sobre os diversos aspectos do panorama mediático. O caso anterior coa cita de Jean de Baudrillard é un exemplo. Na miña opinión é unha moi boa maneira de presentar a información: recorre á autoridade coa cita e despois desenvolve a súa propia opinión. Esta forma de ordear a información facilita a comprensión dos temas e tamén se utiliza para explicar o tratamento informativo dos diversos países:

Se durante un tempo nos dedicaramos a mirar na sección internacional cales son os países que máis saen descubririamos que Venezuela e Cuba atópanse entre os máis famosos. Esta presencia continua na actualidade informativa dálles unha imaxe de crise constante. Recordemos que o primeiro que hai que facer para estigmatizar a un gobernante é convertelo en noticia. Agora ben, con isto non entro a xuzgar se Venezuela e Cuba deberían estar nesa posición ou non, senón que hai moitos países cunha situación moito peor que si deberían estar nesa posición ou noutra peor e non o están. Trátase da política informativa do silencio-portada: teñen todos as papeletas para ser noticia continuamente pero non o son porque ás elites políticas non lles interesa. Polo tanto, a información responde ao statu quo dominante polo cal os medios non explican o mundo, senón que o enfocan dende a súa miopía occidental. Pascual Serrano utiliza un titular como exemplo: “Ex líder sandinista reconciliado co mundo”. Trátase dunha reunión entre o presidente de Nicaragua, Daniel Ortega, e un alto cargo do Departamento de Estado Norteamericano. Ou moi mal andamos de xeografía ou o mundo ten máis países ca EEUU. Que moitas das decisiones que se tomen neste país afecten ao resto do mundo non quere dicir que prevaleza por riba dos demais países. É certo que recibimos moita información de EEUU e que incluso lle dámos máis importancia que ás nosas propias noticias, pero isto é así porque EEUU o amaña para que sexa así. Un exemplo son as eleccións primarias. EEUU móstraas como unha democracia aberta e competitiva pero cómpre recordar que só teñen oportunidades dous partidos de dereitas. Se isto sucedese noutro punto do planeta sería noticia constante pola falta de oportunidades que teñen outros partidos, pero non é así.

E para rematar, gustaríame falar de África, o continente dos sen: sen responsables, sen solucións, sen propostas. África é tratada como un todo, olvidándonos que está formada por máis de 50 países. Parece que o nivel de cobertura que se lle dá atende á condición de antiga metrópole. Así, Francia dálles máis cobertura informativa a Arxelia e Túnez e Reino Unido a Exipto e Sudáfrica. Non se entende a este continente sen Occidente, sempre interesa en relación co outro e non de forma independente. Así, a información vén de fontes axenas ao continente que obedecen a uns intereses determinados e que seguen a presentar esa figura do salvaxe inmerso en continuas guerras, esquecendo que os males que padece África veñen dalgún sitio. Por que só se nos presentan as consecuencias e non as causas? Será porque Occidente ten algo que ver?

Pascual Serrano cuestiona neste libro o statu quo dominante nos medios. Trátase dunha suma de reportaxes interpretativas que nos achegan un sinfín de datos e opinións sobre diversos temas e que merece a pena ler.

Soraya Cruz Portela


Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s