Moito máis que Historia

 Autores: Manuel Leguineche, María Antonia Velasco.

 Título: El viaje prodigioso. 900 años de la primera cruzada.

 Lugar e ano de edición: Madrid, 1995.

 Editorial: Alfaguara S.A.

Manuel Leguineche e María Antonia Velasco achégannos nesta obra á Primeira Cruzada. Coincidindo co seu 900 aniversario, El viaje prodigioso invítanos a percorrer Europa cos peregrinos cristiáns  ata chegar a Oriente, onde seremos testemuñas da trepidante batalla que cambiaría para sempre o mundo.

“Houbo oito cruzadas durante dous séculos, e de todas elas a primeira foi a única que triunfou, quizais porque era unha utopía, unha desmesura táctica e política” 

Con estas palabras Leguineche introdúcenos ao espírito da Primeira Cruzada, onde milleiros de homes, cristiáns e musulmáns, deron a vida polo seu Deus, nunha entrega irracional na procura da salvación.

O 27 de novembro de 1095, o carismático papa Urbano II convocou aos príncipes e señores de toda Europa, no Concilio de Clermont. Dárlle aos guerreiros europeos un inimigo común que evitase os conflitos entre eles, responder á  axuda que dende Bizancio solicitaba o emperador Alejo Conmeno, recuperar o fervor relixioso do pobo gañando multitude de reliquias e asegurar o perdón dos pecados salvando aos cristiáns de Xerusalén, foron as causas do éxito do Concilio.

Europa non se demorou, e dispúxose á conquista relixiosa de Oriente coa axuda das sinais do ceo e das aparicións dos santos e do mesmo Xesús. Co berro unánime de Deus quéreo!, no 1096 partiron o exército popular, encabezado por Pedro O Ermitán e Godofredo Sen Haber, e o dos señores e príncipes,  dirixido polo bispo Ademaro.

Así comeza a grande aventura europea. Este é o desencadeante a partir do cal, Leguineche e Antonia Velasco desenvolven a acción, que se conta como unha longa crónica novelada. Froito dunha exhaustiva documentación e dos cronistas e protagonistas da época, como Fulquerio de Chartres, Raimundo de Aguilers ou Ana Conmeno, os autores conseguen reproducir con exactitude a viaxe.

Este reflexo histórico vai moito máis aló das batallas, dos guerreiros vencedores e vencidos, das estratexias políticas. Os autores reconstrúen o pensamento da época, e tamén a  personalidade das súas personaxes. O lector pode identificarse así cos protagonistas, e a lectura faise apaixonante.

Chegamos a coñecer a príncipes como Godofredo de Bouillon, Bohemundo de Tarento ou Raimundo de Tolosa, aos papas Urbano II e ao seu sucesor Daimberto, ao peregrino e verdadeiro impulsor da cruzada Pedro O Ermitán,ao emperador Alejo Conmeno e á súa política, e tamén a xefes árabes, como Kilij Arslan ou Yahi-Siyan. Comprendemos as súas relacións e estratexias, os seus desexos, e o seu fervoroso sentimento relixioso.

Sen xustificar ningún dos bandos, Manuel Leguineche e Antonia Velasco reflicten o sentir dos cruzados e dos musulmáns. A euforia dos conquistadores e a carraxe dos conquistados, a desesperación da fame e da sede, a morte nas batallas e a enfermidade no campamento, a esperanza das axudas e o medo  ante o inimigo, a discordia e a vergoña da deserción,  a confianza en Deus e nas mensaxes astrais.

Deste xeito percorremos tres anos de historia,ata que os cruzados liberan Xerusalén o 13 de xuño do 1099. Atrás quedan os ataques a  Nicea, Edesa ou Antioquía, e Godofredo é nomeado rei da capital de Terra Santa, ao que sucedería logo da súa morte o seu irmán Balduino.

 O relato é lineal, e os feitos sucédense de xeito cronolóxico dende o Concilio de Clermont ata o reinado de Balduino. Só se interrompe no capítulo XVI, onde se profundiza na historia de Xerusalén a partir das experiencias de Chautebriand, da historia sagrada e da súa situación actual. Ao remate da obra, os autores refírense de novo ao Concilio de Clermont, e dan unha estrutura circular á obra.

Mais El viaje prodigioso non só destaca polo seu contido, a profundidade e exactitude dos datos e pola humanización. Destaca tamén polo seu estilo.

Manuel Leguineche e Antonia Velasco cóntannos uns feitos ocorridos hai 900 anos con  moita frescura, que conseguen facendo alusións constantes a situacións actuais derivadas desta Primeira Cruzada e paralelismos cos conflitos actuais entre Oriente e Occidente. Manteñen ao lector atento a cada suceso  mediante certa tensión narrativa, ás veces comparable coa épica. A presenza do humor e da ironía fainos esbozar un sorriso cando comprendemos o que aqueles homes foron capaces de facer por derrotar ao Deus inimigo.

Manuel Leguineche e María Antonia Velasco fan desta obra moito máis que unha lección de historia. É un exemplo de cómo a literatura pode convivir  coas técnicas xornalísticas, onde Leguineche demostra ser tamén capaz de vivir e transmitir un conflito bélico dende a primeira liña da batalla, malia a barreira temporal de nove séculos.A obra é un billete de ida e volta á Primeira Cruzada, unha viaxe clarificadora e incómoda. É, segundo  Leguineche, “unha aventura febril”.

M.Cruz Negreira Rey

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s