Watergate

Autor: Bob Woodward e Carl Bernstein

Título: Watergate. O processo de uma presidência

Lugar e ano de edición: Portugal, 1977

Editorial: Livraria Bertrand

Bob Woodrward e Carl Bernstein foron os xornalistas do diario norteamericano The Washington Post encargados da investigación sobre o Watergate, o escándalo político que remataría provocando a dimisión do presidente dos Estados Unidos, Richard Nixon. O libro cobre os sucesos desde a incursión no edificio Watergate ata xuño de 1973, cando se revela a existencia dun sistema de gravacións dentro da Casa Branca. O libro é un monumento á liberdade de expresión. Reflicte o convencemento absoluto de que non hai democracia sen esa liberdade, e non hai estado de dereito no que os medios de comunicación non velen polo respecto a esa democracia. Queda palpable na obra a súa estrutura investigadora, incluso con tódalas dificultades e problemas coas autoridades do Estado, no que se aprecia cómo o poder tende a corromperse. Un grupo mediático, consciente da importancia de abrir o camiño á verdade, loita con tódalas súas forzas contra a censura que se pretende impoñer.

O relato comeza cando Woodward é aínda un xornalista bastante novato dedicado a asuntos sociais de menor transcendencia. En xuño de 1972 é enviado a realizar un informe sobre un suposto roubo no cuartel do Partido Demócrata, situado no edificio Watergate. No seu interior foran atopadas cinco persoas nunha actitude sospeitosa e sen autorización durante a noite anterior. Na audiencia, Woodward decátase de que estes individuos non responden ó perfil de ladróns: catro deles son cubanos que declaran como profesión “anticomunistas” e un deles alega ter sido asesor da CIA, ademais da boa posición económica de todos eles. A intuición leva a Woodward a sospeitar que se trata de algo moi distinto a un simple roubo. De volta á redacción reúnese cos seus colegas e comezan a falar da posibilidade de que se trate dunha operación de escoita ilegal. Neste grupo está incluído Bernstein, un reporteiro tamén novo, pero de maior experiencia, que se entusiasma coa idea dunha investigación transcendente ó ser ambos asignados a seguir o caso.

Ó longo da súa investigación, Woodward e Bernstein enfrontarán dous tipos de problemas distintos relacionados coa súa actividade como xornalistas. Os primeiros son os relacionados coa comprensión da multitude de feitos e as relacións complexas que se establecen entre eles, que ademais se desenvolven de maneira oculta e clandestina. Os xornalistas necesitan probas e na súa busca demostrarán unha perseveranza e unha tenacidade inesgotables: revisan a totalidade de fichas de pedidos de libros da Biblioteca do Congreso dun ano, acoden ós domicilios de cada un dos integrantes do persoal do “Comité para a Reelección Presidencial”, obtendo en case tódolos casos negativas e portazos… De calquera xeito, a localización de probas resulta dificultosa e en máis dun caso simplemente imposible. O segundo tipo de problemas son os derivados da necesidade de aportar probas acerca dos seus descubrimentos. A medida que avanza o libro, este último tipo de problemas vólvese cada vez máis importante: ante unha especulación de Bernstein, o seu xefe recrimínalle que non lle interesa o que crea, senón o que saiba. Ó non tratarse da escritura dun artigo de opinión, as conxecturas non son válidas: os xornalistas deben probar que cada afirmación encerra un feito, unha información obxectiva. Desde xeito, o papel dos medios é o de servir como simples transmisores dunha realidade obxectiva. O seu traballo consiste en presentar feitos e cando algún deles non é parte do coñecemento compartido polo público, debe ser acompañada dunha verificación que sexa testemuña da súa veracidade.

Un dos elementos máis salientables do libro está relacionado coas fontes e o secreto profesional no xornalismo. A profesión xornalística necesita información que, ás veces, resulta difícil de obter, pero que mediante un acordo de gardar o segredo da fonte, se pode chegar a ter ou coñecer. Para que poda xurdir a información, gardamos o nome de quen nola dá para publicala, vínculo fundamental entre a protección do secreto profesional e a liberdade de expresión. Para realizar plenamente o seu exercicio de informar, o xornalista debe estar liberado de presións e censuras indirectas, só a súa conciencia debe sinalarlle a decisión de dar a coñecer a fonte de información. Só así poderemos falar dunha prensa libre, sen ataduras ou presións do poder político, sen temor a unha condena polo exercicio de informar sen trabas. Pero o recoñecemento do secreto profesional é tamén unha garantía para o lector. Por unha parte, resgarda a labor de investigación xornalística ó servizo do dereito a informar e estar informados. Por outra banda, tamén é unha garantía para aqueles cidadáns que se converten en fontes de información, cando son coñecedores de feitos de interese xeral. Estas persoas teñen a seguridade de que non se revelará a súa identidade se o xornalista é incitado a revelar as súas fontes informativas. As fontes confidenciais teñen fundamento sobre todo en relación co interese colectivo, isto é, co recoñecemento dun dereito social á información e a garantía da que o xornalista é responsable.

A medida que avanza a investigación, Woodward e Bernstein atopan algunhas persoas, especialmente funcionarios gobernamentais de diverso nivel, dispostos a brindarlles certa información, pero de maneira reservada. No traballo destes dous xornalistas e os numerosos problemas e dilemas ós que deben enfrontarse pode observarse unha demostración dalgunhas das normas máis básicas para a boa práctica xornalística. Nos meses que seguen á detención, os dous xornalistas do Washington Post seguirán escrupulosamente a regra das dúas fontes: unha afirmación será considerada un feito só se é confirmada por dúas fontes independentes. Incluso, cando a trama alcanza ó Xefe de Persoal  da Casa Branca, Robert Haldeman, Ben Bradlee, editor do Post, reclama unha terceira fonte que confirme a versión. Por outra parte, tanto Woodward coma Bernstein teñen fontes persoais secretas, no primeiro caso o famosos “Garganta Profunda”, evidenciando que parte das ferramentas profesionais dun xornalista son xustamente o cultivo deste tipo de relacións.

En definitiva, ó longo deste libro somos testemuñas dunha investigación completa que pouco a pouco vai desentrañando as partes máis escuras do escándalo do Watergate. Pero ademais, o relato dos feitos constitúe unha lección de xornalismo e de cómo debe facerse unha boa investigación paso a paso, xuntando cada unha das pezas do crebacabezas ata compoñer unha visión completa dun feito que nun principio parecía un simple suceso, pero que rematou sendo un escándalo que conmocionou á sociedade e á vida política norteamericanas. Pero, sobre todo, este libro é un manifesto sobre a busca da verdade e a independencia da prensa ante o control dos gobernamental, rol ó que debe a súa caracterización coma o “Cuarto Poder”.

 

Uxía Bereijo Piñón

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s