“Mil flores de loto sobre un lago tinguido de sangue”

Libro: Nada y así sea

Autora: Oriana Fallaci

Editorial: Noguer

Edición: 1ª

Ano: 1980

Cunha “inocente” pregunta comezaba o novembro do ano 1967 para Oriana Fallaci. Unha meniña buscaba unha resposta nas verbas da súa irmá: -Oriana, que é a vida? Oriana optou por buscar unha definición de escola, mais pensou que non era suficiente, que a verdadeira esencia desa pregunta estaba na propia vida. Para responder á súa irmá marcha a traballar como correspondente á guerra de Vietnam. Esta decisión levará  a Fallaci a cuestionarse pensamentos dos que nunca dubidara e significará un cambio radical na súa visión sobre a existencia humana.

A través do seu diario Oriana conta todo o que lle acontece, coa intención de amosar a realidade infernal que está a vivir. As súas palabras reflicten o sufrimento, a traxedia da guerra, e conseguen achegar ao lector a ese pesadelo sumíndoo nun mar de emocións constantes. Describe ao detalle o escenario macabro da morte: Cidades-escombro, soldados que arrastran cadáveres, carros con corpos amontoados, ruído constante de cañóns… É o escenario de vilas, convertidas en depósitos de cadáveres, onde xa non existe nin un mínimo raio de vida. Fronte a esta situación Oriana reflexiona sobre a inxustiza e a irracionalidade da guerra, e indígnase debido á indiferenza que amosa certa  xente que vive á marxe destes conflictos.

Ao longo da súa estancia en Vietnam coñece as diferentes perspectivas dos dous bandos. Desta forma consegue afondar nas orixes e consecuencias da guerra. Soldados, campesiños, monxas, nenos e nenas…Todos vinculados por unha traxedia, a de ser vítimas dunha guerra de intereses. Por iso, despois de ver a violencia e a crueldade nos ollos de moitos homes, a Oriana sorpréndenlle as palabras de Van Sam, un campesiño nortvietnamita : “Aínda que estea enfadada cos homes, aínda que ás veces os desprecie, son inocentes porque son homes”. Para Oriana Van Sam estaba equivocado pois ela nunca se sentira tan decepcionada polo ser humano. Con todo algo cambiou nela cando leu as primeiras páxinas do diario dun viet-cong. Foi consciente do que realmente se agochaba detrás daqueles, que descalzos, se tiraban sobre os soldados norteamericanos sen amosar medo algún. Así descubriu nuns fragmentos de papel corroído pola humidade, a literatura máis pura, a cargada dos sentimentos máis humanos.

As palabras de Oriana non só relatan a modo cronolóxico as historias vividas senón que tamén reflicten os seus pensamentos e as súas reflexións. Resulta macabro saber que un se habitúa a non sorprenderse pola morte, que un esquece todo con tal de sobrevivir:

“A morte anegábanos  como a choiva, perseguíanos como unha sombra[…]. Así se pegara de tal modo aos nosos sentimentos e aos nosos pensamentos que un asasino xa non contaba, ninguén lle facía caso”

Oriana pensaba que na guerra se comportaría como a persoa que cría que era, por iso nada a aflixiu tanto como o día no que se decatou de que tiña medo:

“Descubrín que son covarde, que non podo dicir como aquel viet-cong : Confórtame pensar que a vontade humana chega sempre a onde quere, dominando as distancias e as sambesugas e un corpo de doe.”

Todas as experiencias vividas na súa pel e na dos demais, levaron a Oriana a pensar que a guerra non só significa un punto e a parte nas vidas das vítimas senón que tamén amosa o verdadeiro ser que se atopa en cada persoa, revélanos a nós mesmos.

En Vietnam Oriana aprendeu a amar o milagre de nacer, con todo non atopou a resposta que buscaba. Vira tanta traxedia que xa non cría nos seres humanos e sentía vergoña por nacer entre eles.

A mentalidade de Fallaci cambiaría drásticamente o mércores 2 de outubro na Praza das tres culturas, en México. Alí unha multitude manifestábase  pacíficamente en contra das Olimpiadas. O exército do goberno acurralou aos protestantes e comezou a disparar. Oriana Fallaci asistiu alí a unha das peores matanzas da historia, na que ela tamén resultou ferida e na que estivo a piques de morrer. Naqueles momentos de agonía foi cando atopou aquilo que esquecera, o amor polos homes,  e decatouse de que:

 “Vivir serve para ser homes no lugar de ser árbores, serve para buscar ao xusto, porque o xusto existe, e se non existe hai que buscalo. Entón o importante non é morrer, senón morrer no lado xusto, e eu morro no lado xusto con Moisés que sempre foi maltratado, pobre, insultado e crucificado.”

Así a vida é unha condena á morte. Por iso hai que desfrutar de cada segundo, de cada respiro, de cada sorriso, de cada raio de luz… Porque as cousas pequenas son as que conforman a beleza da vida e as que nos axudan a camiñar cada día.

Un caixón de corazóns libres, mil flores de loto sobre un lago tinguido de sangue, fermosas capas de xeo cubrindo un mar de casquetes, poesía que aniña nas mentes dos que matan e morren… Nada e así sexa, unha burbulla de sentimentos contrariados.

Antía Geada Ares

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s