Unha viaxe pola globalización

Autor: Wolfgang Korn

Título: La vuelta al mundo de un forro de polar rojo

Lugar de edición: Madrid

Ano de edición: 2010

Editorial: Siruela

Acompañados dun 52% de poliester, dun 38% de poliamida e un 10% de elastano comeza a particular viaxe que Wolfgang Korn emprenderá para seguirlle a pista a un forro polar vermello. Así, o autor tratará de reconstruír a curiosa historia que vai deixando atrás este forro polar para explicar, a través do proceso de fabricación, a “pequena gran historia da gran globalización”.  Pero que ten que ver un forro polar con este complexo concepto? Enseguida o averiguamos.

 Hannover 2007. O frío que arrastra consigo o inverno e a pouca liquidez da que Wolfgang Korn dispoñía, fano achegarse ata uns céntricos almacéns en busca dunha peza de abrigo. Aquí, os camiños do autor e do forro polar cruzaranse para comezar un percorrido conxunto.

O tempo pasa e non perdoa. Hai xa máis de dous anos que o autor se nega a desprenderse desta peza, xa convertida en amuleto. Unha mancha de viño xusto na parte dianteira estragara a peza e convertéraa en reclamo de todas as miradas. Tras tempo de discusións, a súa moza decide levalo ata un contedor de reciclaxe obrigándoo a despedirse del.

Meses despois, mentres a parella vía tranquilamente a televisión, algo pareceu chamarlles a atención: entre unha pateira que chegaba ás Canarias puideron distinguir o mesmo forro polar que tempo atrás perdera protexendo o corpo dun descoñecido. Diría incluso que o inconfundible forro polar conservaba a mesma imborrable mancha de viño.

Centos de datos pero, sobre todo, ganas de contar o acontecido comezan entón a bombardear a súa cabeza. Así arranca a historia que levará ó autor a escribir este libro. Un percorrido polas fases de produción dun forro polar que, ademais, servirá de reflexión para denunciar a situación de cidades coma Dubai, lugar no que se vende o cru co que se elaborará a prenda, pero que tamén destaca porque nela se acaba de construír unha pista de esquí cuberta en medio do deserto. Tamén Bangladesh se converterá nun punto importante no relato. É a cidade máis densamente poboada do planeta, onde non queda máis remedio que soportar as duras condicións de traballo ás que viven sometidas os seus habitantes pero que non por iso deixan de soñar cunha vida mellor.

Ademais doutras cidades coma Singapur, Alemaña, Senegal ou mesmo as Illas Canarias serán lugares que tamén esconderán interesantes historias das que o autor se servirá para falar das vantaxes –ou inconvenientes- da globalización.

Facendo reconto, xa son 25.000 os quilómetros que percorreu o forro polar. 25.000 km necesarios para chegar ó seu lugar de destino, Hamburgo, e que Wolfgang Korn se achegase ata eses grans almacéns. Unha distancia relativamente pequena se a comparamos coas “3 veces que debe percorrer o mundo unha xerra térmica ata que o seu comprador pode adquirila nunha tenda”.

“Vivimos nun mundo globalizado”: Recollendo palabras do autor, é moi sinxelo recoñecer a globalización. O 70% dos acendedores que utiliza a humanidade proceden dunha soa provincia china, Wenz Hou. Dende alí envíanse a todo o mundo.

Outra imaxe: cando os estadounidenses teñen fame pola tarde e telefonan a unha determinada pizzería para pedir unha pizza de atún con moito queixo, un centro de atención de chamadas da India anota o pedido e envíao por Internet á correspondente sucursal nos Estados Unidos. Así funciona a globalización. De agora en adiante rara vez escoitaremos o made in Spain, todo virá feito de China, India ou Pakistán. Por fin poderemos deixar de enviarlle correos a Fulanita, agora mandaremos mails. Tampouco nos pode apetecer unha hamburguesa sen pensar no… rei das hamburgesas? Erro, iso é Burguer King. E tapádelle os oídos ós nenos, porque Coca-Cola decidiu que Papá Noel non nos traerá máis agasallos por Nadal, esta vez é Santa Claus quen o relevará.

Hei admitir que este libro chegou ás miñas mans por pura casualidade. Atopeino extraviado nunha biblioteca municipal buscando entre libros de literatura infantil. Xunto a el descansaban, tamén, títulos de autores polacos, coreanos, estadounidenses ou mesmo mexicanos. Todos, títulos que seguramente nunca tería a ocasión de coñecer nun mundo onde a globalización non existise.

Emma Fernández

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s