Proud to be Black

Autor: Gene Marine

Título: Los Black Panthers

Lugar e ano de edición: Buenos Aires, 1971

Editorial: Siglo XXI Argentina Editores, S.A.

Cabezas erguidas. Miradas orgullosas. Cazadoras de coiro, botas escuras, boinas negras… e armas. Este era o uniforme dos Panteras Negras, que provocaron medo e admiración a partes iguais dentro e fóra da xeografía norteamericana. Para o antigo xefe do FBI J. Edgar Hoover, os Panteras Negras significaron no seu momento a maior ameaza para a seguridade interna dos Estados Unidos. En cambio, para boa parte dos afroamericanos, os Panteras eran a maior esperanza para a liberación.

Na súa obra The Black Panthers, o xornalista americano Gene Marine relata exhaustivamente o nacemento e os primeiros anos de vida do Black Panther Party for Self-Defense (Partido Pantera Negra para a Autodefensa); prestando principal atención á actuación de tres dos seus membros máis destacados: Huey P. Newton, Bobby Seale e Elridge Cleaver. Encadrado no denominado novo xornalismo, a obra de Marine conta cunha traballada investigación sobre o movemento e aporta unha visión diferente, xa que é un libro escrito por un branco e dirixido á poboación branca coa intención de deixar a un lado os prexuízos sobre os Panteras.

_____________________________________________________________________________

 “Queremos terra, queremos pan, queremos vivendas, queremos roupa, queremos educación, queremos xustiza e queremos paz”. 10º e último punto do programa do Black Panther Party for Self-Defense (BPP), que recolle aspectos básicos da Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América.

Os movidos 60’

Estamos nos anos 60’, axitada década nos Estados Unidos de América para o movemento en defensa dos dereitos civís. A loita dos negros pola igualdade tivo o seu auxe durante estes anos, mais o caldo de cultivo desta situación xa levaba catro séculos no lume. Un par de feitos ocorridos durante o ano 1955 funcionaron de detonadores. Un foi o terríbel asasinato de Emmet Till por asubiarlle a unha moza branca; outro, o caso de Rosa Parks, que desencadeou un boicot nos autobuses públicos durante 381 días.

Ao longo destes anos, varios personaxes destacaron especialmente na defensa dos dereitos dos afroamericanos. Un deles foi Malcolm X, cuxa vida e obra influíron enormemente sobre Huey P. Newton e Bobby Seale, fundadores no 1966 en Oakland do Black Panther Party for Self-Defense (Partido Pantera Negra para a Autodefensa). E por que Panteras? Porque a pantera non é un animal violento, pero ante unha agresión responde con forza. Igual que os membros do BPP.

As bases

O traballo do psiquiatra e pensador Frantz Fanon, membro do Frente de Liberación Nacional Arxelino, e máis concretamente a súa obra Les damnés de la terre (Os condenados da terra), foi clave para Newton e Seale á hora de entender o colonialismo, o racismo e as vías de liberación dos pobos oprimidos; e puxo os cimentos do edificio ideolóxico do partido. Os escritos deste pensador francés achegan aos primeiros Panteras o concepto da existencia de dúas Américas, en correspondencia coa Francia e a Arxelia das que fala Fanon. Unha é a América branca, a nai patria, e a outra é a América negra, a colonia, aínda que ambas convivan baixo os mesmos límites xeográficos.

Seale e Newton, do mesmo xeito que moitos outros negros, comezaron nesa época a estudar a longa e orgullosa herdanza da civilización e a arte africanas. Porén, tiñan unha visión práctica do problema dos afroamericanos nos Estados Unidos, e non querían centrar os seus esforzos no recordo do lugar do que saíran os seus antepasados. Newton resumía isto de forma clara e concisa: “África xa non é unha virxe, foi violada. Nós estamos vinculados co aquí e co agora”.

Ambos eran bos estudantes, e durante o seu tempo libre, ademais de tratar as obras de Fanon, discutían e traballaban sobre textos de grandes revolucionarios, especialmente os de tendencia marxista, como Mao, Lenin ou o Ché. A súa formación teórica era envexábel. Co paso do tempo o movemento medrou e foi chegando a novas cidades, e se non todos os novos membros tiñan sequera un nivel básico de estudos, moito menos contaban cun coñecemento sobre estes complexos temas. Así foi que Seale, que sabía ben como tratar cos rapaces procedentes dos estratos máis baixos da sociedade, dedicou boa parte do seu tempo á realización de seminarios de teoría política revolucionaria. Os novos Panteras Negras que acudían a estes seminarios volvían á casa con longas listas de lecturas encargadas polo fundador do partido.

Paz e violencia nas rúas

A brutalidade policial fora unha das principais razóns que levaran á creación do BPP. Día tras día sucedíanse palizas, violacións e incluso asasinatos de negros e negras a mans da policía. Rara vez estes casos chegaban aos xulgados. Para os afroamericanos que vivían nos Estados Unidos de América, a xustiza era unha quimera.

A preseza de membros do corpo policial nos ghettos creaba un ambiente enrarecido. A tensión podíase cortar cun coitelo. Nos seus escritos, Fanon explica a solución a este problema, podendo ser aplicada para calquera pobo oprimido do mundo. Segundo el, o suxeito colonial non pode ser un home ou unha muller cabal nin pode alcanzar un potencial humano total até que a violencia se volve cara a fóra, contra o opresor, e gaña a liberdade.

Esta visión foi adoptada polos Panteras Negras, que decidiron armarse de xeito legal, seguindo a lei de cada estado, para así poder actuar fronte á policía en caso de ser necesario; sempre en defensa propia. Cómpre dicir que a mala fama que merecidamente gañaran os policías nos ghettos afroamericanos foi unha das principais razóns do aumento dos afiliados ao BPP.

Os medios de comunicación, defensores do status quo, pintaban os membros do BPP como violentos anti-brancos armados, mais este racismo negro era totalmente ficticio. A presenza dos Panteras nos medios, para desgraza do seu partido, daba como resultado que estes fosen temidos polo groso da poboación de clase media. Porén, e aínda que a policía non o quixese recoñecer, os Panteras organizábanse con éxito para frear a delincuencia e aumentar a seguridade nos barrios marxinais. A eles se lles debe, por exemplo, que non se producise unha rebelión a grande escala o día do asasinato de Martin Luther King, xa que coa actuación das diferentes células de cada cidade conseguíronse calmar os nervios nos ghettos. Os Panteras sabían que unha reacción descontrolada non ía ser boa para o movemento.

Por suposto, tamén se produciron moitas situacións violentas nas que se viron involucrados os membros do BPP. Entre elas podemos citar diversos tiroteos coa policía, que se saldaron con mortos dun e doutro bando, aínda que maioritariamente nas filas dos Panteras. As versións duns e outros sobre o ocorrido nestes casos diferían completamente, mais os xuíces sempre se colocaban do lado das forzas do Estado, por inverosímiles que fosen as súas narracións sobre os feitos.

Xulgados brancos, policía branca

O noveno dos dez puntos do programa do BPP trata expresamente dos xuízos realizados á xente negra. Os Panteras negan a validez dos mesmos. Segundo eles, os negros deberían ser xulgados polos seus pares; é dicir, por aqueles que proveñen das mesmas condicións económicas, sociais, relixiosas, históricas e raciais. Desta afirmación derívase a petición da liberación dos homes negros retidos nas prisións federais, xa que estes non tiveran dereito a un xuízo xusto ao ser tratados por tribunais brancos. Para os Panteras, isto é o mesmo que ser un xudeu xulgado na Alemaña nazi.

Para o BPP, os policías estatais, fosen negros ou brancos, merecían a mesma opinión que os xuíces. Os policías dos EUA actuando nun ghetto negro non eran para os Panteras nada máis que un corpo de ocupación traballando para a nai patria e oprimindo a colonia.

Un movemento revolucionario

O Partido Pantera Negra estaba na vangarda dos movementos que propugnaban un cambio social na América dos60. Os Panteras Negras eran revolucionarios porque crían na necesidade de introducir cambios realmente profundos na sociedade. Os métodos reformistas non serían suficientes.

O racismo estaba tan intimamente vinculado a Norteamérica que non podía ser erradicado do sistema norteamericano sen cambiar todo o sistema; era unha clase de hedra que cubría o edificio da sociedade estadounidense por completo, que se introducía por todas as xanelas, que chegaba a todos os rincóns. O racismo era inherente á sociedade estadounidense. Senón, como era posíbel que calquera profesor de educación física se dirixise aos seus alumnos berrándolles cousas como: “O último que chegue á ducha é un fillo de negra!”? Sobra dicir, por suposto, que todos os negros corrían.

Morrer de éxito

No ano 70 o BPP comezou unha caída da que xa non se chegaría a recuperar. Todas as grandes urbes e moitas cidades menores contaban con células do partido; os militantes xa se contaban por miles. Porén, o control dos actos de cada unha destas células por parte dos líderes era xa moi reducido. E fosen ou non culpábeis os Panteras, o certo é que a violencia e os enfrontamentos aumentaban progresivamente. O odio que profesaba boa parte dos negros dos ghettos á policía facía medrar o partido con novas adhesións, si, mais no fondo non beneficiaba o movemento. Armas e odio non son unha boa combinación. Diferentes escisións e un bo número de mortos nas filas dos Panteras foron debilitando o partido, mais a súa loita e os seus logros xa deixaran marca. Sangue, suor e moitas bágoas foron necesarios para mudar a situación. Ao rematar o ano 70 había algunhas pedras menos no camiño, pero sobre todo, moitas máis conciencias espertas. E os Panteras Negras estaban entre os culpábeis do cambio. Sempre por diante. Un paso por diante do futuro.

David Fontán Bestilleiro

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s