O camiño das preguntas

Título:Secretos de la entrevista. Manual para periodistas

Autor: Gabriel Bauducco

Editorial: Editorial Trillas

Lugar e ano de edición: México D.F. Xaneiro do 2006

Con el tiempo, después de varios años de trabajar en el área del periodismo y, específicamente, en el terreno de las entrevistas, se descubre que hay una hoja de ruta que debe seguirse ante cada encuentro con el personaje. Una serie de herramientas que se ponen en funcionamiento, inconscientemente, para asegurarse que las cosas salgan bien. De eso se trata la presente obra.”

Bauducco, Gabriel. Secretos de la entrevista (2006,páx.6)

Con estas palabras Gabriel Bauducco anúncianos na Introdución o que imos atopar nas súas páxinas. Invítanos a coñecer o vieiro da entrevista de principio a fin, e faino sabendo que somos exploradores apenas iniciados na tarefa xornalística. Dános a man coa seguridade que aporta a experiencia e advírtenos de que o camiño non vai ser fácil. Con todo, asegura que poderemos chegar satisfeitos á meta se seguimos as indicacións, se non perdemos a nosa identidade e se conseguimos que o percorrido resulte apaixonante.

Antes de comezar a viaxe, recórdanos que debemos identificar moi ben o noso obxectivo: o tipo de entrevistado e o enfoque da entrevista. Asemade, é preciso documentarnos sobre a historia do lugar, os obstáculos e accidentes xeográficos, as zonas chairas e as dificultosas pendentes. Partindo deste coñecemento do entrevistado, estaremos listos para programar o cuestionario.

Agora xa podemos comezar a andar. Dende o primeiro momento, debemos saber que todo o que fagamos vai contribuír a crear un clima máis cómodo e amable ou pola contra demasiado tormentoso, que mesmo pode facer que teñamos que abandonar a aventura. Gabriel Bauducco centra grande parte das súas explicacións na construción dunha conversa agradable.

Debemos ter moi claro que nós non somos os protagonistas. Non podemos falar máis da conta pero si temos que conseguir un diálogo amable onde o entrevistado estea relaxado. Crear un relato de preguntas con tensións e distensións coherentes vainos permitir obter máis información da persoa entrevistada. Tamén é moi importante a fórmula das cuestións, que deben ir orientadas a obter unhas respostas detalladas pero ao mesmo tempo centradas no tema que nos interesa. Mais se o entrevistado se mostra hostil e mesmo ameazador, mostrarnos firmes será a nosa mellor opción.

Bauducco revela outro importante segredo: cómo descifrar a información agochada na paisaxe do entrevistado mediante a linguaxe corporal. A nosa xestualidade e posición corporal transmite máis da metade da información que comunicamos, por iso nos vai axudar a descifrar as emocións do entrevistado e orientar mellor a entrevista.

O autor dedica un capítulo á neurolingüística, que serve para establecer unha conexión harmónica co entrevistado, coñecendo a súa maneira de pensar e o seu sistema primario. Isto consiste en observar cómo se expresa para saber se na súa comprensión da información prima a forza das imaxes, o son ou as emocións. Unha vez que o identificamos, adaptamos a nosa propia linguaxe ao seu sistema, para conseguir unha comunicación máis eficaz.

Xa adaptados ao ritmo e intensidade do camiño, o noso guía dános outras claves para superar mellor as dificultades. Pequenos consellos na formulación das preguntas, como eivtar as totais ou negativas, non realizar cuestións simultáneas ou introducir afirmacións e aclaracións, son algunhas das recomendacións.

Gabriel Bauducco tamén nos conta que moitas veces estamos expostos a certos contratempos. Infórmanos sobre os máis frecuentes e dinos como os podemos afrontar ou solucionar. Debemos adaptarnos ao tempo que nos dá o entrevistado e temos que saber cándo o seu enfado é tal que o mellor é anular a entrevista. Ás veces non imos poder usar a gravadora, ou teremos que realizar a entrevista por teléfono. Mais o importante é conservar a calma, escoitar atentos ao interlocutor e non perdernos no cuestionario.

Pouco a pouco imos chegando ao final do camiño, e xa coñecemos todo o que ao comezo da andaina queríamos saber do entrevistado. Agora é importante transmitir a nosa experiencia. Para iso Bauducco explica os principais pasos na transcrición, escrita e edición do texto final da entrevista. Resume de forma xeral as diferenzas nos medios audiovisuais e tamén recompila algúns puntos importantes do marco legal.

Así remata a nosa viaxe de formación na ruta da entrevista. Para que asimilemos e recordemos todo o explicado, Bauducco vainos agasallando ao longo do libro diferentes entrevistas, caracterizadas pola adaptación ás características do entrevistado. Dous bos exemplos son as entrevistas realizadas a Joaquín Sabina e a Joaquín López Dóriga.

A misión de cada entrevista é atopar a información que agocha o entrevistado: o segredo. É o tesouro que debemos procurar en cada exploración, en cada aventura. Gabriel asegura que isto se aprende con profesionalidade e experiencia, pero ata que iso suceda, recoméndanos “ler canta entrevista se teña nas mans. Iso axuda a descubrir cómo traballan outros colegas; ademais dará información e formación”.

Cruz Negreira

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s