Observar a realidade a través dos ollos de Isaac Díaz Pardo

Autor: Isaac Díaz Pardo

Título: Crónicas Inconformistas

Lugar de edición: Santiago de Compostela

Ano de edición: 2006

Edita: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela

Isaac Díaz Pardo escribiu este conxunto de crónicas dende o verán de 2004 ata decembro de 2006 no xornal La Voz de Galicia. El non é un xornalista, senón un cidadán máis que intenta analizar e interpretar a realidade que o rodea, atendendo aos asuntos sociais que máis lle afectan ó territorio galego.

En cada crónica que escribe intenta achegar a súa experiencia persoal para axudar a entender a súa maneira de pensar. Estivo no exilio, viviu a Guerra Civil e relacionouse con aquelas persoas máis importantes do eido da cultura galega.

Creou Sargadelos e Cerámicas do Castro, feito que fixo que Cervo sexa un dos lugares que máis lle interesa e cita nas súas crónicas. Amosa a súa preocupación polas vías de comunicación cara A Mariña lucense, asunto que aínda hoxe segue a ser tema de discusión e debate para os habitantes desta zona. Díaz Pardo fala das promesas dos gobernos de crear un AVE que una Ferrol a Bilbao e tamén de comunicar o norte de Lugo coa capital galega…mais cada vez as vías de tren que enlazan os municipios da costa cantábrica quédanse máis obsoletas e os veciños quéixanse sen recibir resposta algunha.

Durante os anos que Díaz Pardo escribe estes textos, en Galicia debátense e inícianse as obras da Cidade da Cultura no monte Gaiás. El nun principio apoiou a iniciativa, mais á vez mostra certa incerteza sobre a futura finalidade que vai ter o edificio. Non fai máis que preguntarse polo termo tan xeral de “Museo da historia de Galicia”.

Como bo coñecedor da actualidade, unha das súas maiores preocupacións son os conflitos que se desenvolven neses anos nos que escribiu as crónicas. Dedícalle bastante tempo á problemática que teñen os países co abastecemento do petróleo. Fai unha crítica ás actuacións do presidente norteamericano, George Bush, por usar falsos motivos para atacar Irak cando hai un alto porcentaxe de persoas, entre as que se atopa el, que perciben que a súa única intención é facerse co dominio dos principais pozos de petróleo.

A gran maioría dos temas que aborda, seguen a ser hoxe primeiras planas de xornal. Os lumes nos montes galegos alteran a este personaxe. El culpa aos propietarios dos terreos por deixar medrar a maleza e non limpalos montes. E por riba, eles son beneficiarios dunha compensación económica tras o lume. Propón que debería haber unha lei que responsabilice dos danos económicos que causan os incendios aos donos que non tivesen limpos e coidados os montes. Isto é debido a que moitas persoas aprópianse de terreos mediante a herdanza e pensan que polo simple feito de ter patria e potestade sobre eles, poden telos descoidados.

Non podían faltar alegacións ao idioma galego. A zona do norte de Lugo, como xa citamos, interésalle moito a esta figura clave do galeguismo. A Veiga é un territorio situado en Asturias pero moi preto de Ribadeo. El debate sobre a toponimia do sitio, xa que hai quen o denomina “Vegadeo” e quen “A Veiga”. Compara as declaracións feitas por varios ilustres sobre este lugar. Uns din que son da Veiga e outros de Vegadeo, provocando unha incerteza para as persoas que non coñecen esa zona, pois pode ser que pensen que se trata de dous sitios diferentes.

Falando de idiomas, Díaz Pardo fai unha reflexión sobre a introdución do inglés na fala dos galegos. Cre que se están perdendo palabras moi importantes da lingua por optar por reemplazalas por “parking” ou “stop”, entre outras. O pobo, sobre todo a xente nova, comunícase con “barbaridades” de orixe inglesa na súa fala, até facer da conversa un spanglish como o que denuncia Castelao nas súas Verbas de chumbo das observacións que fixo en Nova Iork. Este cidadán refírese a eses cambios conceptuais que sobre todo afectan ás artes, á arquitectura, ó urbanismo, ás artes suntuarias, á escultura, á pintura…

Con este conxunto de case cen crónicas, Isaac Díaz Pardo foi premiado co VII Premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo Literario e de Opinión. Valorouse a súa traxectoria como autor na práctica e na defensa da cultura galega promovendo un discurso coherente, áxil e apaixonado que combina os valores da tradición coa decidida aposta pola modernidade, a memoria histórica e unha concepción aberta da identidade colectiva do pobo galego. Como xa mencionamos, el non é xornalista senón un cidadán máis que quere que se escoite a súa opinión tras o seu exame moral do que está a acontecer. El observa todo, dende un acto que ten lugar en Santiago no hotel Araguaney até a guerra de Irak. Para iso non fai distinción, xa que, todo forma parte da realidade universal que rodea aos cidadáns.

Beatriz Yáñez

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s