A verdade a través da metamorfose

Título: Cabeza de turco
Autor: Günter Wallraff
Editorial: Anagrama
Edición: 3ª, novembro do 2007

Un home de forte complexión, cabelo negro e ollos escuros, camiñaba por unha beirarrúa da Alemaña Federal. Este mozo era un inmigrante turco que coma outras persoas se vira na obriga de marchar do inferno que estaba a vivir no seu país natal. Con todo, o que lle agardaba na República Alemana Federal non era unha maleta chea de cartos nin tampouco a amabilidade e a comprensión da xente.

Era marzo do ano 1983 e ese home, Alí, decidiu pór un anuncio en varios xornais solicitando traballo. Non fixo falta máis, aos poucos días estaba traballando. Foi entón cando se decatou de que a realidade era máis ruín do que el pensaba. Cada día tiña que sufrir o desprezo e as doenzas da escravitude, para poder levar algo á boca. Sobrevivir non era nada fácil para un estranxeiro na Alemaña Federal pois existía nesa sociedade tan sensata e civilizada, unha mestura de odio e envexa capaz de desprezar e de asasinar a unha persoa,  simplemente pola súa aparencia ou pola cor da súa pel.

Un dos primeiros traballos de Alí consistía en estar 10 horas diarias rozando ortigas e limpando gabias de regadío cheas de lodo nunha casa de labranza en Saxonia. A pouca solidariedade da ama levouno a vivir nun cuarto dun edificio en construción. Despois marchou traballar a un Mc Donald`s onde as condicións laborais eran pésimas e o salario ínfimo. O seu posto era de cara o público, sen descanso sufría o abatemento constante dos pedidos. Neste traballo sofre as humillacións, non só do xefe, senón tamén dos clientes. Estes actos de hostilidade tamén os sofre como obreiro, así como a inseguridade laboral e a escravitude. Alí é un indesexable en calquera recuncho da Alemaña Federal. Incluso a misericordia de Deus parece traizoalo cando pide o bautismo a un cura cristiá. Con todo, o peor está por chegar.

Alí entra a traballar na planta siderúrxica Thyssen, unha cidade fabril feita de fume e feluxe, onde os estranxeiros viven ao límite cada día debido á non protección fronte ao perigo que supoñen as emanacións tóxicas. Ademais son tratados coma bestas de carga, fan maratóns horarios que non son pagados e sofren as vexacións dos capataces e dos compañeiros alemáns. Son vítimas do comercio de escravos, da cobiza, da vulnerabilidade e da desesperación. Así, os laboratorios farmacéuticos tamén se aproveitan da súa situación e utilizan aos inmigrantes como cobaias nos seus experimentos. Mentres, nas centrais nucleares son estes “indesexables” os que solucionan as fugas, os que se expoñen á radiación da morte.

Estes feitos pertencen á realidade de Alí pero reflicten con claridade a dura e cruenta vida dos estranxeiros na Alemaña Federal dos anos oitenta. A alta sociedade alemá sabía o que estaba a acontecer, con todo, a indiferenza era a súa bandeira. Estaban seguros de que ninguén contaría o que estaba a suceder. Equivocábanse. Equivocábanse, pois Alí non era quen aparentaba ser. Alí era Günter Wallraff, un xornalista decidido a sacar á luz pública a verdade.

Antía Geada Ares

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s