Cine, literatura e xornalismo

Autor: John Dos Passos
Título
: 1919        
Lugar e ano de edición
: Barcelona, 20007
Editorial
: Debolsillo

1919 é o segundo volume da triloxía de John Dos Passos U.S.A. publicado en 1932. Cubre os anos previos á firma da Paz de Versalles e, fiel ó estilo do ciclo, trátase dunha novela coral que cobre case tódolos estratos sociais dos Estados Unidos, coa particularidade de que, neste caso, gran parte da acción se desenvolve en Europa e, concretamente, en París, onde a colonia estadounidense, formada por militares, políticos, enfermeiras, xornalistas, etc. forma un submundo moi particular, cuxa adaptación á vida norteamericana trala paz non se ve precisamente doada. O lector pode atoparse de novo con algúns dos personaxes que xa aparecían na primeira entrega da triloxía e seguir a súa evolución ó longo dos anos.

Dos Passos transformou a novela moderna apelando ás técnicas narrativas do cine e o xornalismo e logrou compoñer un retrato da historia e a sociedade norteamericanas que mantén todo o seu poder e vixencia. Coa análise da obra, observamos unha serie de elementos característicos, que son extensibles ó resto de novelas que integran a triloxía.

Por unha banda, un dos elementos característicos de 1919 é o Newsreel ou películas de actualidade, unha técnica que consiste en incluír varios titulares ou fragmentos de reportaxes ou cancións populares da época. Estas citas de artigos de xornais están sempre tecidas coas biografías dos personaxes, de xeito que en moitas ocasións se pon en dúbida a separación estrita entre ambos. Esta é quizais unha das característica estilística máis salientables da novela.

Por outra banda, a forma de plasmar cada unha das distintas historias dos personaxes faise a través do Camera Eye, escritos cun estilo modernista e que parecen ser unha especie de libro de memorias impresionistas. É precisamente neste modo seco de percibir e mostrar as cousas onde reside a grandeza de Dos Passos, que confía plenamente na capacidade interpretativa do lector e evita calquera tipo de acentuación. Só parece estar interesado en seguir ós seus personaxes e describir a través do “ollo da cámara” todo o que pasa.  Dos Passos mostra todo coa mesma obxectividade e rapidez xornalística do home que está apurado e non pode entreterse buscando os efectos. En U.S.A. os acontecementos flúen cun vertixe sorprendente. As aventuras que viven os personaxes aparecen condensadas polo narrador, contadas sen estridencias e nun ton que, por momentos, está máis preto da crónica xornalística que da coidada prosa literaria. Pero a aposta pola narración despoxada non significa que sexa superficial, senón todo o contrario. Co “ollo da cámara” mostra unha perspectiva orixinal  dos pensamentos e sentimentos dos personaxes, todo completado coa parte novelesca propiamente dita, na que vai seguindo as correrías de personaxes de moi diversa condición social que, nalgunhas ocasións, se cruzan, se atopan e se separan, un pouco do mesmo xeito ca os de Manhattan Transfer.

Ademais dos Newsreel e o “ollo da cámara”, intercala breves relatos biográficos de personaxes relevantes da vida social, cultural e política da época. Estes intercálanse coas distintas seccións narrativas nas que se divide a novela, correspondentes a un único personaxe protagonista ó que segue a través do seu camiño por todo o país e por outras partes do mundo. Todo isto contribúe a darlle un ton moito máis real ó relato, resultando un bo tratado sobre a historia norteamericana da época. En 1919, todos estes recursos non ficcionais actúan coma unha especie de fondo vivo sobre o cal os personaxes pasan en procesión un tras outro.

Tanto pola súa forma narrativa, de carácter épico, crítico e con certo ton sarcástico; coma pola súa estrutura, na que a descrición da vida das grandes metrópoles estadounidenses se conta a través dunha serie de personaxes cuxas experiencias se alternan co monólogo interior ou coas noticias extraídas directamente da época; a obra de Dos Passos é un retrato incomparable de América desde o nacemento do século ata a Gran Depresión de 1929, tratada no último volume.

Uxía Bereijo Piñón

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s