“Paxaros engaiolados”

Autor: John Dos Passos
Título
: Paralelo 42
Lugar e ano de edición
: España, 2007
Editorial
: Debolsillo

Esta obra escrita no 1930 inicia a triloxía de John Dos Passos, U.S.A., unha fascinante viaxe polos Estados Unidos desde comezos do século XX ata a entrada do país na I Guerra Mundial, onde os personaxes loitan por atopar o seu lugar na sociedade do espertar do coloso americano. Lentamente, a través de historias artísticamente tecidas, as vidas e fortunas de cinco personaxes de distinto rango social e cultural: Mac, Janey, Eleanor, Ward e Charley, vanse desdobrando e entrecruzando coas de figuras históricas da época coma Eugene Debs, Thomas Edison ou Andrew Carnegie.

Os distintos elementos que compoñen cada unha das obras que conforman a triloxía son compartidos, polo que en sucesivas recensións se analizarán outras características destas obras. Neste caso, a análise centrarase nos personaxes e no papel que desempeñan na obra, centrándose sobre todo no tratamento outorgado polo autor.

En Paralelo 42 atopamos múltiples referencias á loita de clases e ó nacemento do proletariado nos Estados Unidos, de xeito que queda patente a ideoloxía do autor. Ó comezo desta triloxía propúxose pintar o xurdimento da democracia industrial norteamericana desde 1900 ata 1929 e desde tres ángulos simultáneos: o de varios personaxes tomados desde a súa infancia, desde o punto de vista dramático e histórico e desde o punto de vista crítico e interpretativo. Cada personaxe preséntase ó lector desde a infancia a través dun discurso indirecto libre. As súas vidas sepáranse, pero os personaxes atópanse ocasionalmente, unidos pola ponte que simbolizan algúns personaxes secundarios que xorden do fondo e cuxo punto de vista non é dado. A maioría son obreiros ou vagabundos que se moven sen ningún rumbo fixo, asediados pola falta de recursos económicos e as ameazas provocadas pola situación política do país, fuxindo sempre cara adiante na busca de novas oportunidades. O traballador cambia de nomes e de escenarios, pero nunca consegue modificar a súa condición de paria. Por todo isto, Paralelo 42, ó igual que o resto da triloxía, é unha novela coral; está conformada por numerosos personaxes que se entremezclan, o que esixe unha gran atención para non perderse entre a multitude de nomes e situacións que xorden ó longo da novela.

A maioría parece estar pensando máis ben en conseguir un emprego decente cun bo salario para poder abandonar, aínda que sexa por un tempo, o nomadismo e a incertidumbre. Cunha visión casi profética do funcionamento da incipiente industria bélica, Dos Passos denuncia ademais unha alianza conspirativa entre os sectores máis poderosos dos Estados Unidos: o poder político, a prensa e a bolsa de valores. E faino con mestría e de maneira indirecta: retratando unha clase que non participa da toma de decisións.

As redes que conforman a arquitectura da novela teñen correspondencia no contido ficcional, con personaxes individuais que reflicten o desenvolvemento das “reportaxes” de Dos Passos. Estes personaxes de ficción serven coma nós secundarios dentro da construción primaria que forma a historia dos Estados Unidos, proporcionando unha base para a mostra do desenvolvemento histórico e social. A todo isto súmaselle unha selección dos grandes titulares xornalísticos do século XX, que axudan a compoñer unha sinfonía narrativa da historia americana. En Paralelo 42, J. Ward Moorehouse é a figura que manifesta a evolución das relacións públicas, e outros coma G.H. Barrow ou Dick Savage cargan con ese peso durante o resto da triloxía. Os personaxes xeralmente desempeñan a mesma función, reforzando o comentario das reportaxes históricas do autor, coma unha figuración á que o lector ten acceso por momentos dentro dos principais sucesos da historia americana. Deste xeito, os personaxes individuais actúan coma un sistema de nós que soportan a narración en rede da novela.

O método empregado por Dos Passos é o de seguir a un dos seus personaxes a través dalgún período transcendental da súa vida e logo pasa a outro. Así, Dick Savage, o poeta do primeiro volume vólvese oportunista en El Gran Dinero e remata sendo un empregado servil na oficina de J. Ward Moorehouse. Eveliné Hutchins, a rapaza típica da Era do Jazz de Chicago, que logra ser propietaria dun club nocturno en Manhattan, remata a súa vida cunha sobredose de narcóticos que usaba para durmir. Mary French, a idealista que resolvera consagrar a súa vida ó movemento dos traballadores, namórase dun líder obreiro tras outro, e é traizoada por todos. Todos eles, xa sexa na política ou na industria, en Wall Street ou no cine, nadan nas augas do capitalismo, loitando desesperadamente contra a corrente, e uns logran saír a flote mentres outros son envoltos e aniquilados por ela. Isto está moi relacionado co xornalismo, coa idea de tomar un personaxe como escusa ou elemento central para contar unha historia, que é o que de verdade ten interese, para despois abandonalo.

En canto ás biografías de personaxes da vida real, que Dos Passos intercala, ademais de contribuír a dar a atmosfera da época descrita, forman unha especie de comentario oblicuo á carreira dalgúns dos personaxes ficticios da obra. Dos Passos, quixo demostrar que as historias dos seus personaxes non son únicas, excepcionais ou un mero produto da súa imaxinación, senón que a confusión e futilidade das súas vidas, o mesmo que as súas calidades humanas, repítense nas figuras célebres da vida real.

Uxía Bereijo Piñón

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s