“Detrás do ataúde”

                                                     Título: O contrario da morte
Autor: Roberto Saviano
Editorial: Debate
Edición: 1ª, febreiro do 2009

O contrario da morte achéganos dúas historias dramáticas entrelazadas por un sentimento: o amor. Así e todo, este é un amor tinguido pola dor. A dor que xorde da perda dun ser querido. Ese amor que persiste en calquera situación, non foxe senón que queda con nós para lembrarnos a beleza do pasado e así facer fronte á inxustiza da morte.

Regreso a Kabul é unha viaxe entre Italia e Afganistán a través dos ollos de María, unha rapaza italiana cuxo futuro marido, Enzo, morreu en Afganistán nunha misión de paz. Enzo decidira ir simplemente para poder pagar a voda e conseguir un crédito. O prezo que pagou foi moito máis alto do esperado, pagou coa súa vida. Dende ese día María vive atormentada, sumida nunha realidade que non acaba de aceptar. Ten só dezasete anos e a roupa de luto que leva transfórmaa nunha réplica da súa avoa. Os seus achegados evitan pronunciar calquera palabra que se poida relacionar con Afganistán, unha xentileza inútil para María, mais un alivio para os seus seres queridos. Cada día María ten que sobrevivir fronte a  incomprensión e  a fatiga que lle produce a súa existencia, intenta esquecer por momentos todo o que pasou para poder acadar un pouco de paz. Sen embargo, as súas lembranzas sempre están presentes no seu interior, na súa aparencia, nos seus xestos, na súa mirada… Lembra todo dende o momento no que o seu amado colleu aquel avión. Lembra todas as imaxes da televisión, todas as fotografías dos periódicos que lle axudaron a construír unha realidade descoñecida, a do  país onde cada día arriscaba a vida Enzo. Lembra con claridade o día no que lle comunicaron a terrible noticia, o desagradable cheiro do depósito e o momento do funeral no que os amigos de Enzo mordían con rabia a placa de identificación militar. Sen dúbida unha morte inxusta. Con todo, para María aínda hai esperanza, aínda hai tempo. Está convencida de que non todo está perdido, pois o amor é o contrario da morte.

Ese amor que persiste despois da morte, é o que sentía a nai de Giuseppe. Este rapaz italiano vivía, coma outros moitos italianos, rodeado por unha mafia cruel e mortífera capaz de asasinar a inocentes. Giuseppe nunca se metera en ningún clan, mais estaba determinado pois un amigo del colaboraba coa mafia. Unha tarde Giuseppe e os seus amigos estaban na praza da vila e uns mafiosos asaltáronnos con pistolas. Pedían socorro, pero ninguén lles abría a porta. Afortunadamente, unha parella deixoulles entrar na casa. Finalmente os capos descubríronos e matáronos sen dubidar. A pesar da inocencia dos rapaces os medios comunicaron as mortes coma un axuste de contas, situando aos inocentes á altura dos camorristas. Mentres, a nai de Giuseppe segue esperando por seu fillo cada día.

Existe neste libro unha mestura entre a escuridade da morte e a beleza da vida. Así, a través destas historias Saviano denuncia a indiferenza e o medo inseridos na sociedade italiana e amósanos a traxedia dos conflitos armados dende a perspectiva dos que sofren a morte, así como a verdadeira finalidade do amor capaz de sobrevivir fronte a calquera desgraza.  Porén, Saviano non se remite só a narrar os feitos senón que nos ofrece a súa visión máis persoal, as súas reflexións sobre o pasado que se debuxa ao longo deste pequeno labirinto de emocións.

 Antía Geada Ares

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s