Manipulación ao alcance duns poucos

Título: La tiranía de la comunicación
Autor:
Ignacio Ramonet
Ano de edición:
2000
Editorial:
Debate

Os diferentes países apóianse nos medios de comunicación para acadar con maior facilidade os seus obxectivos, estes soen ser de carácter político, social ou económico. Saben perfectamente que as masas teñen aos medios como único referente de información e que, na maioría dos casos, existen tres ou catro grandes referentes. Estes grandes medios adoitan estar baixo as influencias das grandes empresas da comunicación. A súa vez, estas grandes empresas están dominadas por aquelas persoas que precisan influenciar á poboación. Isto todo é algo ben sabido por todos nós. Mais a cuestión está en como mudar esta situación que é, ao fin e ao cabo, un bucle infinito de corrupción, intereses políticos e favores económicos. Gustaríame moitísimo aportar unha solución ou algún tipo de proposta para mellorar a situación neste comentario mais por moito que cavile nesta cuestión non atopo unha resposta.

Partido da base de que a maior parte da poboación cun pequeno interese en coñecer o funcionamento da nosa sociedade sabe que os medios están baixo os intereses das grandes potencias mundiais, existen outras cuestións que se tratan no libro que son moi interesantes.

As guerras sempre foron situacións moi delicadas. Sempre hai vencedores e vencidos, e as veces, por moi extrano que semelle, ser derrotado é a mellor opción. Cando un país sae derrotado dun conflito bélico non todo son perdas: sae como unha vítima. O vitimismo é moi fácil de empregar para conseguir o que se desexa, para mover os fíos axeitados e saír vitoriosos dunha guerra perdida.

As veces prodúcense guerras das que saír como vítima non é a situación idónea e tampouco o é saír como gañador: o ideal, para os intereses das grandes potencias, é facer unha guerra invisible. É dicir, unha guerra da que o resto do mundo non teña coñecemento. Unha guerra entre un país moi rico e un país moi pobre do que poder sacar o maio beneficio posible. Dado que estes grandes países controlan os medios de comunicación, ocultar a información que non os beneficia é unha tarefa moi doada. Mais neste punto temos que ter en conta as novas tecnoloxías. Posto que o libro foi editado no ano 2000, o autor non fala delas mais tendo en conta a importancia destas novas formas de comunicación en todas as revolucións acontecidas neste ano penso que merecen unha pequena mención. As novas tecnoloxías fan que “todos esteamos conectados” e que as noticias salten dun lado ao outro do mundo en menos dun segundo. Ben é certo que estas guerras invisibles as veces acontecen en lugares aos que as novas formas de comunicación non chegan e que nunca poderemos ter constancia delas, mais si de moitas otras que noutros tempos serían silenciadas.

Os países atacados en silencio adoitan estar situados no hemisferio sur, un lugar que o autor denomina “un inferno e un paraíso”. Por unha banda, a do inferno, o Sur está presente nos medios en todos os acontecementos negativos como as catástrofes naturais ou os desordes de tipo político. Sempre son situacións que traen consigo “drama, sufrimento e morte”. Por outra banda, o Sur preséntasenos coma un paraíso natural cheo de praias con augas cristalinas e unha natureza pura. Así vese como se presenta o mesmo territorio dende dous puntos de vista totalmente distintos segundo o que lles conveña aos medios mostrar, pero nunca coma un lugar “normal”.

Estas son algunhas das artimañas que empregan os medios de comunicación para manexar ao seu antollo as nosas mentes. No libro fálase tamén dos acontecementos que máis marcaron a historia dos medios ou da novas funcións dos xornalistas mais no momento de gradar cales eran os aspectos máis importantes a comentar do libro optei por deixalos á marxe.

Sego sen poder responder á pregunta inicial mais teño dúas preguntas para todos. Se todos isto son datos que podemos coñecer, qué será o que nos esconden as grandes potencias mundiais e as empresas de comunicación? Cómo é en realidade o mundo no que vivimos? Sinceramente, teño medo de coñecer a resposta porque sei que esta non é nin agradábel nin facilmente asumible.

Pedrouso Areán, Anxela

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar un comentario