A violencia sempre é noticia

Autor: varios, editado por Carlos Soria
Título: Prensa, paz, violencia y terrorismo: la crisis de credibilidad de los informadores
Lugar de edición: Pamplona
Ano de edición: 1987
Editorial: Eunsa

Os medios de comunicación foron medrando e evolucionando paseniñamente ata converterse nun dos motores básicos da sociedade democrática na que hoxe vivimos e xogar un papel fundamental: producir información ao servizo dos cidadáns.

 Por iso, hai unha parte da poboación que os ve como “educadores”, cuxa función é a de producir información de xeito que contribúan á formación dunha educación e cultura cívicas. Pero, tamén nunca faltou quen os considerase como o causante da progresiva proliferación dos actos violentos, ante a sobreinformación deste tipo de contidos (guerras, asasinatos, agresións…). Ben é certo que, cada vez máis, os medios xa non se moven pola súa principal función: informar. Hoxe xogan un papel como empresas, e como tal buscan unha rendabilidade. Unha rendabilidade económica que non se mide pola calidade das súas informacións, como debería ser, senón polo nivel de audiencia que atraia. E neste senso, a estratexia a seguir é a inclusión de contidos violentos e dramáticos que chamen a atención do lector, levando así a unha espectacularización da información. Soamente fai falla que nos paremos a pensar na lectura do xornal: pasaranse por alto as páxinas de moitas seccións sen botarlle unha simple ollada sequera, mais non a de Sucesos. A realidade, tristemente, é que os medios mostran un insaciable apetito polos dramas da vida real, a violencia e o espectáculo.

 Para moitos a solución sería retirar estes temas da oferta informativa. Pero tamén hai que reflexionar sobre un aspecto: acaso os actos violentos non forman parte da realidade que nos rodea? No tocante aos xornalistas, acaso a solución recaería en silenciar estas temáticas?

A resposta a esta última pregunta que nos acabamos de formular, ao menos persoal, é non. Un dos dereitos básicos de todo cidadán recollidos na Constitución Española de 1978, no caso máis próximo a nós, así como na Declaración de Dereitos Humanos, é o dereito á información; o dereito “a comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión”. Se se eliminasen taxantemente estes contidos, acaso non estariamos privando dalgún xeito á cidadanía deste dereito? E, os propios medios, estarían a exercer a violencia. Porque privar a alguén do seu dereito, da súa liberdade, en calquera ámbito que sexa, tamén é unha manifestación de violencia; poida que non física, pero non deixa de ser violencia. Porque un xornalista ao dar información está dando a todos e a cada un aquilo ao que ten dereito e porque ao investigar e difundir información realiza algo imprescindible para que o público poida exercer con plenitude o seu dereito á información; en definitiva: está cumprindo co seu deber de informar.

Unha das manifestacións máis crueis da violencia é o terrorismo. O risco non reside só no feito de que os terroristas secuestren persoas, avións… o risco tamén recae sobre os medios. O certo é que a maioría dos grupos terroristas utilizan como plataforma propagandística para os seus crimes aos medios de comunicación.En realidade, o terrorismo garda unha estreita relación cos medios de comunicación e o perigo desa estreita relación é a certeza de que ese vínculo supón unha especie de “simbiose”. Se ben os terroristas encontran nos medios o eco desexado para propagar a súa denominación ou a súa propia mensaxe, os terroristas proporcionan, á súa vez, un tipo de espectáculo que os xornalistas necesitan para satisfacer á audiencia. O terrorismo sabe que causa medo, e o medo siempre é noticiaPero dáse a paradoxa de que a información proporcionada polos medios moitas veces non despexa as dúbidas e, en consecuencia, non elimina o medo, senón que o potencia.

A presentación da violencia nos medios é o obxecto de estudo desta recopilación de textos de personalidades relacionas co ámbito do Xornalismo, levada a cabo por Carlos Soria no ano 1987. Dende os anos 80, os medios de comunicación foron divesificándose cada día máis e experimentaron progresivamente a chegada de novas tecnoloxías que actualmente lle permiten aos profesionais do xornalismo novas técnicas e modelos de informar naquel momento insospeitados. Mais hoxe, vintecatro anos despois, pese a este avance técnico, os contidos seguen a basarse na dramatización e espectacularización dos acontecementos.

Quizáis, unha posible solución pase polo chamado xornalismo para a paz. Dende os medios, deben profundizarse nas causas e consecuencias dos conflitos, pero sobre todo na solución dos mesmos. Necesítase entender que a violencia non pode ser nunca un camiño de solución para os problemas persoais e sociais. Os xornalistas tamén deben loitar por ese camiño cara a concienciación, informando de maneira libre e veraz, por responsabilidade profesional pero tamén polo interese do ben común. E nós, como futuros xornalistas, tamén debemos facer fronte a este obstáculo da espectacularización e dramatización dos contidos que o único que fai é restar credibilidade á nosa profesión.

Miriam Varela Fernández

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s