Un máis da tribu

Título: Recordad Manhattan
Autor: Manuel Leguineche
Editorial: Maori
Lugar e ano de edición: Guadalajara, novembro 2001

Un cálido martes do mes de setembro, mentres os daquela nenos apurabamos os últimos días das vacacións do verán, o mundo semellou paralizarse. E todos ficamos á hora da sobremesa pegados á televisión. Os maiores calados e os máis cativos preguntando que era o que pasaba, absortos tamén polas espectaculares imaxes.
Era o 11 de Setembro do 2001. Ese día que alterou o paso da xigante Historia. Tan só 18 minutos foron suficientes para destruír as Torres do World Trade Center de Nova York. Outros 40 para atacar o Pentágono. E unha hora e media para que as Torres Xemelgas se derrubasen sobre a illa de Manhattan.
Estados Unidos vivía a súa mañá máis tráxica e o seu Presidente, George W. Bush, era a imaxe pública da derrota. A nación todopoderosa vencida polo terrorismo islamita de Al Qaida, ao que xa lle poñían nome propio: Osama Ben Laden.
Cun “con nós ou contra nós”, os líderes de Occidente e Oriente, mobilizan aos seus cidadáns na que algúns chaman guerra de civilizacións. E mentres, Manuel Leguineche preguntábase a si mesmo e ao mundo: “¿Como, por que se chegou a isto? ¿Foi un individuo, unha organización, un Estado? ¿O Parque Xurásico contra a organización Al Qaida? ¿Eran os EEUU vítimas de su propia política? ¿Conflito de civilizacións? ¿Era unha sorpresa ou as sinais poboaban o ceo e non quixemos ou non quixeron os poderosos darse conta mirando ao seu propio embigo do indiscutible triunfo da democracia liberal? ¿Por que non seremos capaces de poñernos na pel dos demais, dos marxinados, os condenados da terra, de atacar máis as causas que os efectos?”.
Todas estas respostas son as que o pai dos reporteiros de guerra españois foi procurar á cidade de Peshawar, na fronteira paquistaní con Afganistán: “Presenciei as manifestacións a favor dos talibáns, vin como queimaban bandeiras norteamericanas ou a efixie de George W. Bush, cuestioneime se unha vitoria militar amañaría estes odios, o que chaman “the roots of rage” (as raíces da rabia), falei cos imáns e mestres das escolas en Afganistán, meu país querido, visitei os campos de refuxiados. Recollín todas esas testemuñas para elaborar o libro. E pensei un pouco en todo iso que vivira”.
Isto é o que atopamos en Recordad Manhattan, unha recompilación de crónicas e reportaxes de guerra, onde Leguineche recolle todo o seu coñecemento para indagar e explicar as causas deste conflito.
Como el mesmo explica, a obra dá voz a todos os que teñen algo que dicir nesta historia. Escoitamos aos grandes líderes políticos e relixiosos, aos cidadáns e ás vítimas, e tamén a xornalistas internacionais. Ademais o pasado conflúe no presente, por iso Leguineche afonda na historia política de Irán, Afganistán, Irak ou Pakistán, en conflitos anteriores e en especial na Guerra do Golfo,e nos movementos sociais que orixinan este particular enfrontamento.
A primeira do século XXI é para Manuel Leguineche unha guerra estraña. Non se parece aos anteriores conflitos armados. Agora os inimigos son abstractos: o terrorismo islamita dunha banda e a cultura occidental e o seu dominio pola outra.
Pero o que máis muda é o traballo do reporteiro. Lonxe da liberdade informativa e de movemento da que gozaron en Vietnam, unha guerra “que se perdeu na televisión”, xa no conflito do Golfo as medidas de control do traballo dos xornalistas provocaron “o triunfo da tecnoloxía e a derrota da información”. E agora milleiros de correspondentes de todo o mundo conviven en hoteis de luxo, con elevadísimos custes de seguros, transporte…alonxados do foco informativo e frustrados pola falta de información e a inexistencia dun espectáculo bélico. Para Leguineche é Periodistán, un lugar onde “a tribu” procura novos datos nunha ofensiva que se presente longa e pouco visible.
A pesares destas novas circunstancias, Leguineche consegue resolver todas as cuestións que formula nas primeiras páxinas, sen posicionarse ideoloxicamente e dando igual relevancia e contexto a todas as partes.
En tan só dous meses despois do atentado publícase este Recordad Manhattan. Unha visión a través dos ollos de Manuel Leguineche dunha guerra na que non hai bos nin malos, só realidades diferenciadas polo seu contexto. Unha obra que máis aló do interese polos seus contidos é unha reivindicación do bo xornalismo, unha lección que se predica co exemplo.

M. Cruz Negreira

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s