“Unha Europa interesante, profunda e difícil: a Europa de Lenin”

Autor:   Fernando Díaz-Plaja

Título:   La Europa de Lenin

Lugar de edición:   Barcelona

Ano de edición:   1971

Editorial:   Plaza & Janés S.A. (colección Rotativa)

Fernando Díaz-Plaja (Barcelona, 1918) é un home do século XX. Deixando a un lado  a Gran Guerra -que finou xusto cando el veu ó mundo-, este novelista, ensaísta, profesor e xornalista foi testemuña dos grandes acontecementos que inundaron o mundo no século pasado. Entre eles, a Guerra Civil española e a Ditadura Franquista, a cal presenciou dende a dureza dos seus inicios ata o aperturismo do seu apoucamento.

Pero Díaz-Plaja é tamén un viaxeiro. Como xornalista, aproveita a súa estancia en diferentes lugares do mundo para achegarlle unha visión persoal destes á sociedade, enmarcada nunha época pouco pertinente para percorrer o planeta. De entre estas viaxes nace La Europa de Lenin. Así é como define o autor a Europa situada ó outro lado da “Cortina de Aceiro”, o mundo soviético, o que quedaba  do lado de alá do muro de Berlín. Sitúase aló polos anos 60, en plena Guerra Fría, nun réxime ben distinto ó que Lenin inaugurara décadas atrás. Nesta odisea, Díaz-Plaja non só se anexa á realidade dos habitantes da Rusia da época, senón daqueles países veciños acollidos, en maior ou menor medida, ó réxime soviético. Dende a rebelde Iugoslavia de Tito ata a concienciada URSS de Breznev, pasando por Bulgaria, Romanía, Checoslovaquia, Hungría e Polonia. Cada un coas súas peculiaridades e todos coa mesma semellanza: o comunismo. Ese comunismo tan afastado do mundo capitalista Occidental, e máis –se cabe- do singular réxime ditatorial de Franco, antónimo ideólogo de Lenin, Stalin e demais. Ben distinta é a orixe dos destinos, e isto é algo que non pasa desapercibido na experiencia do autor, precisamente é o que o converte nunha testemuña interesante, que presenta ese “outro mundo” do que todo o mundo oía falar (mal, máis ben).

La Europa de Lenin é unha mestura entre unha grande reportaxe e unha crónica moi persoal. Nel, Díaz-Plaja plasma as súas vivencias como turista pero tamén como visitante “especial”, que pretende afondar máis na situación de cada país do que un viaxeiro común apreciaría a simple vista. Entrevistas, conversas, preguntas incómodas… traballadores, políticos, funcionarios, inmigrantes, persoas dun bando, do outro e incluso neutrais (desinteresadas, mellor dito), apórtanlle impresións e experiencias persoais ó xornalista. O bando deste parece estar tamén bastante definido: a oposición, a crítica. É certo que  o autor recolle tamén aspectos positivos do mundo comunista, pero semella que parte sempre da base dun non convencido, buscando o defecto dentro incluso da virtude. Pero tamén hai que poñerse no lugar dun home –dun xornalista e escritor-  que vive na España dos anos 60: ca cabeza rechea dunha conciencia ben diferente á oriental, a autocensura colgada das mans e o capitalismo pegado á noca. Díaz-Plaja presenza o desxeo soviético á vez que o franquismo comeza a derretese, pero en ambos casos permanece un bloque sólido aínda ben firme, que se fai ver tanto na experiencia que o autor trae da casa como na que vive na súa aventura.

Á parte, é unha análise que realiza dende diferentes puntos de vista, unha continua comparación entre o de “aquí” e de “alá”, unha ampla e atraínte reflexión. Distinta moda, distinta música, distinto turismo, distinta xente, distintos automóbiles, distinta educación, distinta comida, distinta moeda, distinto nivel de vida, distintas limitacións, distinta cultura, distinta relixión (ou tolerancia relixiosa), distinta economía, sociedade, política… distintos sistemas. La Europa de Lenin é unha visión de Oriente dende un punto de vista occidental, unha experiencia en primeira persoa que busca levar o individual ó colectivo, para ofrecerlle ós lectores as impresións subxectivas dun mundo distinto, para ser un xornalista experimentado que relata unha nova experiencia, para relatar –iso si, cun estilo e unha calidade literaria brillantes- como é para Fernando Díaz-Plaja a Europa de Lenin.

Olalla Liñares García.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s