“El hombre secreto” de Bob Woodward

Título: El hombre secreto

Autor: Bob Woodward

Data de edición:  novembro 2005

Lugar de edición: Barcelona

Editorial: Inédita editores

El hombre secreto non é un libro máis sobre o caso Watergate. É, ante todo, unha reportaxe sobre xornalismo, sobre bo xornalismo. Máis ca unha reportaxe, realmente poderíase dicir que se trata dunha crónica, xa que a correlación de datas ten unha grande importancia.

Bob Woodward escribe esta obra co obxectivo de dar a coñecer máis en profundidade a Mark Felt, ou o que é o mesmo, a Garganta Profunda, aínda que dende o meu punto de vista non é iso o que fai tan interesante esta lectura.

Persoalmente o que máis me impacta da historia que nos conta Woodward é como pode cambia-la vida dunha persoa polo mero feito de que nun momento puntual alguén se cruce nela. Parece máis ficción ca realidade (aínda que non o sexa) o como se coñeceron Woodward e Felt, e como ese simple encontro mentres esperaban ser atendidos na Casa Branca derivou nesa relación de xornalista-confidente que tantas intrigas causou na sociedade estadounidense.

Por outra banda, nunha sociedade tan informatizada, con tanta tecnoloxía, onde temos todo a golpe de click, é moi emocionante, ou polo menos a min pareceumo, ler unha historia de investigación xornalística “tradicional”, digna (e de feito así foi) dunha película. De feito o  libro de Woodward e Bernstein Todos los hombres del presidente, publicado en 1974, ó que se fan referencias constantes en neste El hombre secreto, e que trata en profundidade o tema do caso Watergate cando aínda estaba en pleno auxe, foi levado ó cine en 1976. É abraiante como dous xornalistas, coa axuda dunha fonte secreta do FBI, foron quen de desentrañar un escándalo de tales dimensións como foi o caso Watergate, como foron quen de desestrutura-la administración Nixon, como foron quen de poñer en pé de guerra á CIA e ó FBI, como, cos seus artigos, estes dous reporteiros, Woodward e Bernstein, tiveron en vilo a toda a sociedade norteamericana.

Woodward dálle moita importancia ós detalles á hora de narra-la súa historia. Conta minucionsamente tódolos seus movementos; os seus encontros con Felt, o seu traballo con Carl Bernstein, cada detalle da investigación do caso… todo está minuciosamente relatado.

Neste sentido unha das cousas que máis me impresionou foi a descrición tan precisa que fai da estratexia que Felt marca tanto para vérense, utilizando a pequena bandeiriña vermella como sinal no balcón de Woodward ou as mensaxes a través da páxina 20 no New York Times que o autor recibía, como para as chamadas telefónicas, para o que lle pediu a Woodward que unicamente farfullase e colgase, que el recoñeceria a súa voz. Este tipo de detalles tan escrupulosamente narrados dotan a esta historia real cun certo secretismo propio dunha novela de misterio.

Esto con respecto á primeira metade do libro, onde se narra con detalle todo o entramado do caso Watergate e de como Woodward o cubriu coa axuda de Felt.

Pero logo hai unha segunda metade do libro na que Woodward afonda máis nos motivos que puideran ter levado a Mark Felt a converterse en Garganta Profunda. Moitos anos despois do caso Watergate volve contactar co seu antigo confidente. Este agora é un ancián de 86 anos que padece demencia senil e que vagamente lembra todo o que ocorrera uns trinta anos antes, cando axudara a un Woodward que rondaba os 30 anos e que nun principio ía estudar Dereito por recomendación de seu pai, primeiro a ver que podía decidir encamiña-la súa vida por outra senda, o que o levou  a que considerase ser reporteiro, e logo a consolidar esta nova profesión marcándolle o camiño a seguir no escándalo Watergate. O libro toma un carácter máis intimista.

Resulta moi emotivo o xeito no que Woodward conta os seus encontros con este novo Mark Felt, as súas conversas coa filla deste intentando buscar resposta a se debería ou non facer pública a verdadeira identidade de Garganta Profunda. Eu como lectora, e supoño que a calquera que lera este libro lle pasaría igual, crin senti-lo que debeu estar sentido Woodward naqueles momentos. A incertidume debida ó estado de saúde de Felt, o sentimento de tenrura que debiu despertar nel cando Joan Felt, filla de Mark Felt, lle contaba que seu pai se acordaba del mesmo cando non podía recordar nin ós seus compañeiros do FBI, nin a Miller, que fora xulgado con el polas invasións de domicilio do caso dos weathermen (radicales vietnamitas).

Sen dúbida, nesta parte o libro pasa da acción da investigación, que che mantén en vilo, pensado en que máis pode pasar a continuación, pensando en cal será a seguinte revelación do caso, ó sentimentalismo, á tenrura, a un espazo máis íntimo e persoal.

Entre medias tamén fai unha breve referencia o seu traballo de investigación con respecto o Tribunal Supremo de EEUU, as drogas en Hollywood, a CIA, o Pentágono, a Casa Branca de Clinton, a Administración do presidente Bush, o 11-S ou a guerra de Irak.

Baixo a miña humilde opinión, este é un libro que, sen dúbida ninguna, merece a pena ler, tanto para alguén que anhele ser xornalista, como para quen lle guste a intriga dun caso coma o Watergate ou a mestura de sensacións que produce o final desta historia.

 Alba D. Piñeiro
Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s