Un pasado cada vez máis presente

 

Image

Autor: John Dos Passos

Obra: El gran dinero

Lugar e ano de edición: Barcelona, 2007

Editorial: Debolsillo

  

John Dos Passos escribiu en 1936 o terceiro e último volume da triloxía U.S.A.: El gran dinero. Ningunha das obra que compoñen a triloxía ten unha trama convencional. Dos Passos segue a doce personaxes principais e centos de secundarios a través das tres primeiras décadas do século XX. Ás veces, as vidas dos seus personaxes crúzanse, pero outras non. Os personaxes principais nun capítulo moitas veces son só fugazmente mencionados noutros, e non tódolos personaxes son seguidos no tempo para o que a maioría dos lectores debería considerar un fin satisfactorio para as súas historias. Simplemente déixaos fóra, e Dos Passos toma outra vida e outro segmento da sociedade norteamericana. A narrativa progresa, pero os personaxes non, permanecen estáticos, representantes infelices dos seu tempo e as súas obsesións particulares.

As historias das industrias emerxentes ou profesións (automóbiles, avións, relacións públicas)  son obxecto de pouca atención, é a enormidade de conflitos de clase, e os da traballadora en concreto, os que constitúen un dos principais focos de atención do relato.

En canto á técnica da triloxía, é aínda máis complicada que a de Manhattan Transfer e está desenvolvida sobre un plan moi orixinal baseado en catro correntes de acción paralela ou seccións que se entrecruzan alternativamente. Estas son: o desenvolvemento do argumento propiamente dito, as biografías mencionadas e os recursos novelísticos de exclusiva invención de Dos Passos: os Newsreels ou noticiarios e o Camera Eye ou ollo da cámara. Os noticiarios son, coma a súa denominación o dá a entender, unha especie de filmes compostos de extractos de xornais, de fragmentos de discursos e de cancións populares típicas da época; un fondo sobre o cal se proxectan os acontecementos históricos que se desenvolven paralelamente ás vidas dos protagonistas. En cando ó ollo da cámara, este está formado por instantáneas subxectivas á maneira de Joyce, desprovistas de sintaxe e de puntuación, cuxa finalidade é insinuar o punto de vista do autor a medida que enfoca a súa imaxinación nos personaxes que desfilan polo seu libro. Igual que un reloxo, os noticiarios marcan o tempo, en tanto que as biografías contan, por encima do tempo, a historia dos líderes norteamericanos e o ollo da cámara é a voz lírica do propio autor. Todos estes recursos contribúen a dar á obra un ritmo múltiple e complexo, extraordinariamente variado e dinámico. Así, en El gran dinero, o noticiario que segue ó capítulo do matrimonio desgraciado de Margo Dowling, xurde unha canción que era moi popular naquel entonces. A continuación, un gran título anuncia que “O Presidente Cooldge prevé unha nación próspera baixo a súa política”, seguido po outro no que figura a noticia de que “Rodolfo Valentino, o célebre astro da pantalla, caeu repentinamente enfermo no seu apartamento do Hotel Ambassador”.

Esta diversidade de modos suxire un pastiche ou bricolaxe, pero non parece que imite estas técnicas directamente. Mesmo o Newsreel parece menos unha transcrición directa ou un traballo de cortar e pegar que unha composición coidada. E incluso o ollo da cámara non parecen intentos de imitar ningún estilo determinado. O tipo de narración de Dos Passos caracterízase pola experimentación formal, sobre todo no relacionado cos rexistros múltiples. Isto fai máis difícil se cadra a lectura destes catro modos de forma individual e colectiva.

Dunha forma moi semellante, a actitude do autor con respecto á historia, ou incluso ós Estados Unidos, interrompe a formación de calquera relación estable entre a propia visión do lector sobre o país ou a súa historia. A visión que se dá dos EUA non é para nada confortable, dalgunha maneira, os bloques dan a sensación de estar feitos por Dos Passos coma unha testemuña dun pasado que é quizais hoxe máis análogo co presente.

 

Uxía Bereijo Piñón

 

 

 

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s