Zola e Manet, Manet e Zola

Autor: Émile Zola, traducción de Luis Puelles Romero

Título: Escritos sobre Manet

Lugar de edición: Madrid

Ano de edición: 2010

Editorial: Abada Editores

Ano 1866. Émile Zola tiña vinte e seis anos e Manet trinta e catro. Manet empezaba a ser coñecido e respectado entre o grupo de pintores contrarios a todo academicismo e Zola acababa de postularse ante o director de L´Évenement para facer a crónica do Salón de 1866. Aquí comezou a relación entre estes dous homes, a relación entre estes dous grandes.

Émile Zola iniciou unha férrea defensa do pintor Manet nos artigos que publicaba no xornal, o que provocou que o despediran de L’Évenement. Necesitaba contarlle a todo o mundo esta nova verdade que xurdía na pintura. A súa prosa xornalística estaba impregnada de combate e mordacidade, pero sobre todo da intención, con frecuencia declarada de “facer xustiza” con Manet, porque a misión era máis grande do que parecía: “salvar ao pintor rexeitado é facer xustiza coa pintura”, apuntaba Zola.

Nos seus escritos deféndese a modernidade e o cambio, e pola contra, rexeitase todo academicismo artístico. Buscaba crear unha opinión pública cara este novo estilo que por entón era suxeito de burla e mofa. Quería resaltar a mirada do autor, esa pegada propia que el denomina como “personalidade”. Zola invitaba aos lectores a confrontarse coa beleza ideal, abandonando non só as formas perfectas, senón que tamén apartándose da orde das ideas.

Este naturalista rexeitaba o criterio que seguía o Salón para seleccionar as obras, cría que o xurado necesitaba unha renovación para poder ser capaz de aceptar novas formas de crear. Segundo Zola, Édouard Manet destacaba pola súa tradución da realidade, non precisaba inventar nada, por esta razón non era ben visto polo Salón, onde só foron aceptadas algunhas das súas obras.

En Escritos sobre Manet expóñense os sentimentos que Zola sentiu, narrando en primeira persoa, ao estar no taller onde traballaba o pintor. Intenta transmitir o que suxire cada cadro e á vez, fai unha descrición psíquica do autor desas pinturas. “Podemos encontrar unha obra repleta de simplicidade e precisión”, sinalaba á vez que se refería a ese público que non era quen de aceptar e comprender a arte que tiña Édouard Manet.

 

A relación entre ambos era tal que incluso Émile Zola foi o protagonista dunha das obras do pintor. “Querería ter dezcolumnas de xornal para poder repetir en alto o que pensei en silencio durante as sesións, vendo a Édouard Manet loitar fronte a fronte coa natureza”, confesou o escritor despois de que Manet lle fixera o retrato. “Recordo longas horas de pose (…), cada certo tempo, miraba ao artista, de pé ante a tea, o rostro tenso, o ollo claro, concentrado na súa obra”. Todo son palabras de alago por parte de Zola cara o pintor, “ten moito talento, é ante todo un naturalista”, característica que tamén era propia de Émile.

 Zola interesouse ao longo da súa carreira xornalística por aqueles artistas rexeitados pola crítica social. Foron catorce anos de defensa a Manet, a quen el lle auguraba un lugar no museo do Louvre.

 

Beatriz Yáñez Castro

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s