“Si me quieres escribir”

ImageTÍTULO:“Si me quieres escribir”(gloria y castigo de la 84ª Brigada Mixta del Ejército Popuar)

AUTOR: Pedro Corral

ANO DE EDICIÓN: 2004. Primera edición

LUGAR: Barcelona

EDITORIAL: Debate

 

A batalla de Teruel foi da primeira e única vitoria da República en toda a contenda. Tamén é coñecida por ser, para moitos, a batalla máis dura e sanguenta de todas as disputadas. Pero coma todas, esta batalla encerra moitas grandes historias. A que se conta neste libro é a historia da 84ª Brigada Mixta do Exército Popular da República, a unidade militar decisiva na conquista de Teruel por parte dos mandos Republicanos.

As páxinas vannos contando,unha detrás doutra, unha das historias humanas máis tristes e conmovedoras de toda a guerra. A vivida polos homes da 84ª Brigada, que despois de se converteren en heroes e rozar a gloria, viviron un auténtico inferno cando foron castigados atrozmente por orde do seu propio bando. Estes valentes soldados viviron nun breve lapso de tempo a cara e a cruz da guerra. Pasaron de triunfadores a traidores incomprensiblemente e en a penas uns días. Foron perdedores para os dous bandos da guerra.

No libro Si me quieres escribir, o xornalista pedro Corral, rescata e reconstrúe a historia da 84ª brigada nun enorme e magnífico traballo de investigación sobre un episodio da batalla de Teruel do cal pouco se sabía.

Image 

Ao parecer nun monte da poboación turolense de Rubielos de Mora, foron executados sobre 50 soldados do exército da República. As fontes parecían indicar que os fusilados pertencían á 84ª Brigada Mixta do Exército Popular. O interese do autor por esclarecer e sacar á luz a verdade sobre este terrible acontecemento, acabou por converterse nun fabuloso libro de investigación, que lle dá por fin a dimensión que se merece á traxedia vivida por estes soldados republicanos.

O libro estrutúrase en dúas partes. A primeira titulada La gloria, ten 12 capítulos e nela cóntase o sucedido dende a chegada dos voluntarios ao exército, ata a entrada na cidade e a rendición desta. A segunda parte titúlase El castigo, ten 5 capítulos e nela nárrase o acontecido dende a saída dos soldados da 84ª brigada da fronte ata as execucións de Rubielos. Consta tamén dun prefacio, un epílogo e tres anexos.

Como se conta no libro, Os soldados da 84ª Brigada Mixta, que aínda que estaba composta na súa totalidade por homes, seguía mantendo a súa denominación orixinal, eran maioritaria mente de procedencia rexional e en gran número voluntarios, alistados nas filas do exército para defender a República. Esta división foi a máis decisiva na conquista da cidade de Teruel o 8 de Xaneiro de 1938, e brindoulle á República unha vitoria de moitísima repercusión, que converteu aos loitadores en heroes. Un éxito tal, facía recobrar a esperanza dunha vitoria final sobre Franco.

Unha vez rendida a cidade, e despois de soportar días e días de combate rúa por rúa, casa por casa, en durísimas condicións de frío, fame e enfermidades, a 84ª Brigada Mixta do Exercito Popular estaba en pésimo estado. As baixas eran tantas que reduciron a unidade á metade de efectivos. O esgotamento era tal, que os soldados xa non estaban en condicións de seguir loitando.

ImageÁ 84ª Brigada fixéraselle a promesa de que unha vez conquistada a cidade de Teruel, os soldados gozarían de varios días de permiso, que lle darían a posibilidade aos combatentes de regresar temporalmente á casa. A parte, tamén se lle prometeron ascensos colectivos e unha recompensa de 1000 pesetas a cada home. No canto disto, os soldados foron forzados a dirixirse a unha nova posición co obxecto de reprimir un contraataque franquista. A moral e a paciencia dos decrépitos homes da 84ª brigada comezaba a escasear. Unha vez que aplastaron o contraataque de Franco foron por fin retirados da fronte e enviados á poboación de Rubielos de Mora, realizando unha dura marcha a pé de 58km. Dous días despois todos agardaban a orde que lles permitira regresar ás súas casas. Pola contra a única orde que chegaría sería a de volver ao campo de batalla, xa que as cousas alí se estaban poñendo feas. A Reacción dos soldados foi maioritaria mente de descontento e comunicaron a súa decisión de non regresar alegando que o seu mal estado e o seu esgotamento non lle permitían seguir loitando. A reacción dos mandos do exército foi de aparente comprensión. Algúns oficiais indicáronlle a todos aqueles que o desexaran que podían entregar as armas e o equipamento, xa que ían ser relevados. Isto non foi máis que un engano por parte dos camaradas superiores para desarmar covardemente ás súas propias tropas, e unha vez feito isto acusalas de insubordinación. Os soldados que entregaron as súas armas confiados, foron encerrados. Moitos deles cheirándose o que lles ía ocorrer conseguiron fuxir. Moitos outros foron incluídos nunha lista, presente no libro e firmada polo Tenente Coronel Andrés Nieto, xefe da 84ª brigada, acusados de encabezar a insubordinación que xamais existiu. 46 destes soldados foron executados de madrugada nun monte chamado Piedras Gordas. Parece ser que investigacións actuais revelan que os soldados foron fusilados en grupos pequenos, de dous ou de tres persoas, e en lugares separados entre si. Cando Corral escribiu o libro, críase que foran executados no mesmo lugar e en grupo.

Pedro Corral vainos contando nun relato vivo e trepidante as peripecias e o día a día dos soldados desta brigada. Para isto apoiase nos testemuños orais de 5 superviventes das execucións, que nos somerxen no ambiente hostil da guerra, e na incertidume e no medo dos últimos días, cando tiveron que fuxir dos seus propios compañeiros para non perder a vida. O extremo inverno que condicionou tremendamente a batalla loitando mesmo a 20 graos baixo cero e cun manto branco de medio metro de neve que durou días e días. Os primeiros momentos no fronte, nos que a penas se disparaba un tiro, contrastan cas ofensivas finais e a entrada dos republicanos na cidade. Aquí os combates foron sanguentos, durísimos, sen piedade. As anécdotas e testemuños orais combínanse con partes de guerra, noticias de xornais, fotografías e mesmo poemas, que lle dan solidez e veracidade á narración. Destaca a presencia e as crónicas recollidas neste libro de grandes figuras do xornalismo de guerra do S.XX como Ernest Hemingway, Robert Kappa e L. Mathews, aos que se lle dedican varias partes no libro, e que compartiron cos soldados da 84ª Brigada xornadas claves da batalla, que quedarían plasmadas nas súas crónicas..

Estamos ante un libro dos que engancha. Unha narración intensa que nos chega a emocionar en moitos casos, e que nos reflicte perfecta mete a barbarie da guerra .Introdúcenos na pel dos homes da 84ª Brigada Mixta do Exército popular. Homes valentes e honrados. A maioría campesiños que cambiaron os aparellos de labranza polo fusil, coa única intención de loitar polo que crían lexítimo, e que viviron unha auténtica traxedia cando tiveron que fuxir dos seus propios compañeiros. Neste magnífico libro , rescátese un episodio da guerra civil descoñecido para a maioría de nós, que por fin sae á luz, para non volver caer xamais no olvido.

 

Si me quieres escribir

ya sabes mi paradero,

en el frente de Teruel

primera linea de fuego…

(canción popular cantada por ambos bandos na batalla de Teruel)

 

Daniel Santalla Silva

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s