España, para ben e para mal

ImageAutor: Leonardo Sciascia

Título: Horas de España

Lugar de edición: Barcelona

Ano de edición: 1990

Editorial: Tusquets

 

Moitos son os tópicos que fan referencia a España. A maioría deles, derivados de prexuízos, non representan a personalidade  dun país plural e dunha sociedade complexa. Así, na España de hoxe conviven  -ou convivían- personaxes coma Belén Esteban con persoeiros coma o recén finado Isaac Díaz Pardo. E o mesmo ocorría nos anos oitenta.

A España dos rojos e a dos dos fachas.

A España da Guerra Civil e a da reconciliación.

A España do Palmar de Troya e a de Miguel de Cervantes.

A España da Inquisición e a de Miguel de Unamuno.

Todas son, ó fin e ó cabo, diferentes caras da mesma moeda. Todas son, ó fin e ó cabo, reflexos opostos dunha realidade converxente chamada España.

Eé esa España complexa, esa España dos tópicos e, ó mesmo tempo, esa España desmitificada, a que quere amosarnos Leonardo Sciascia nunha obra única, pero tamén nunha única obra: Horas de España. Así, aínda que son varios os textos que o compoñen, o libro ten a unidade que só lle pode conferir a pluma dun mesmo autor: o xenio siciliano, que tanto se preocupou polo noso país, pero que só nos deixou un libro dedicado especificamente a el. Ese libro non é outro que Horas de España.

Moitas foron, efectivamente, as horas que pasou Sciascia en territorio español durante ás súas dúas viaxes ó noso país. Pero moitas máis foron, sen dúbida, as que, dende a lonxanía da súa terra siciliana, pasaba pensando na nosa, precisamente polas similitudes que o xenio de Racalmuto vía entre a Península e a Illa que marcaron a súa vida  -e van con maiúscula porque teñen nomes propios-.

Pero deixando a un lado ó autor e centrándonos no libro, hai que dicir que a maioría dos textos que o compoñen están escritos durante unha época clave na historia do noso país: a Transición. Así, os medos e as ilusións, os riscos e as oportunidades…e, en definitiva, esa conxunción entre o pasado e o presente que preside os momentos claves na historia dunha sociedade maniféstanse na obra de Sciascia dun xeito característico. É quizais por iso que a maioría dos escritos emprega  elementos de actualidade -o que Sciascia vía, escoitaba ou aprendía da España da época durante o seu percorrido pola mesma- para retrotraer ó lector a unha realidade pasada, que, como é ben sabido, fora enormemente convulsa.  Este xogo temporal -e mesmo intelectual- é constante ó longo de todo o libro, e maniféstase en exemplos como o de empregar o 23-F para falar da Guerra Civil ou ver un vestixio da mesma nunha procesión de Semana Santa.

Foi precisamente a pegada deste conflito, e da posterior ditadura, un dos elementos que marcou a Transición, e, ó mesmo tempo,  tamén impregna o espírito de cada un dos capítulos desta obra. Así, as traumas de España son as traumas de Sciascia, posto que este experimentou un xiro ideolóxico decisivo -mediante o que pasaría de posicións filofascistas a outras próximas ó comunismo- a raíz das historias da nosa guerra que lle contaba un voluntario italiano que volvera da fronte.

Pero a identificación de Sciascia con España non é só persoal, senón social, pois ten moito que ver coa súa Sicilia natal. O autor italiano tiña en gran estima a pegada que a presenza española deixara  na súa terra, polo que, dalgún xeito, consideraba  España como a súa segunda patria.

Sciascia e España. Sciascia e Sicilia. Sicilia e España.  

Os tres  termos forman unha especie de triángulo que constitúe o ABC da obra que nos ocupa.

Tres temas principais que nos recordan que non hai mellor xeito de describir unha realidade complexa que poñéndoa baixo o cristal translúcido da persoa que a observa e do seu entorno social. Tres palabras que nos recordan que non é posible describir unha realidade complexa sen recorrer ós tópicos. Pero ollo, algúns valen máis ca outros. 

Marcos Fernández Lema

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s