Las aventuras de Mark Twain

Título: Las aventuras de Mark Twain
Autor: Mark Twain
Editorial: American Publishing Company
Lugar de edición: Estados Unidos
Ano de edición: 1876

Las aventuras de Tom Sawyer é a obra máis coñecida  e relevante do autor Mark Twain. Publicouna en 1876 e, na actualidade, é considerada unha obra mestra da literatura universal.

A obra está ambientada nunha poboación chamada “St. Petersburg”, á beira do río Misisipi, inspirada en Hannibal (Misuri), vila natal do autor, e narra as historias que lle acontecen a uns rapaces, dende a perspectiva destes, sempre enfrontadas co punto de vista dos adultos.

O libro relata as aventuras que lle acontecen a Thomas “Tom” Sawyer, un rapaz orfo que vive ao coidado da súa tía Polly, sufrindo constantemente reprimendas do seu medio irmán Sid, aínda que Tom, que destaca pola súa intelixencia, logra sempre saír airoso dos problemas nos que o mete o seu medio irmán. A súa tía Polly sométeo a unha dura disciplina, que incluso a ela mesma lle chega a parecer absurda, non obstante, é un dos personaxes do libro que máis quere a Tom.

O protagonista namórase da filla do xuíz do Condado, Becky Thatcher, e fanse mozos, aínda que logo distáncianse, por mor dos celos de un e de outro, converténdose a súa relación nunha especie de toma e daca na que tanto un coma outro inténtanse poñer celosos mutuamente, Tom coa súa ex moza Amy e Becky cun rapaz da escola chamado Alfred. Finalmente, entre celos e sentimentos de culpabilidade propios do amor a esa idade, Tom e Becky rematan perdoándose e continúan sendo mozos, queréndose máis que nunca ao superar todas as trabas.

A historia imprégnase de emoción dende que un día Tom acude con Huckleberry Finn, o seu mellor amigo e compañeiro de aventuras (quen posteriormente terá o seu propio libro, secuela deste, Las aventuras de Huckleberry Finn), a xogar ao cemiterio a media noite, cadrando con uns secuaces tratan de roubar un cadáver. Tratábase do doutor Robinson, acompañado do borracho Muff Potter e do indio Joe. O doutor discute con este último e pelexan, mentres que Potter sae en defensa do indio Joe, sendo derribado polo doutor Robinson e quedando inconsciente durante uns momentos. Neste intre o indio Joe asasina ao doutor a coiteladas e cando Muff Potter volve en si, o indio Joe faille crer que foi el quen asasinou ao doutor. Potter é acusado e levado a xuízo e Tom e Huck, por medo ao indio Joe, deciden non contar a verdade. O sentimento de culpabilidade e o enfado que mantiña naquel momento coa súa amada Becky impulsan a Tom a escaparse cos seus amigos Huckleberry Finn e Joe Harper (que tamén querían fuxir dos malos tratos que recibían dos adultos). Os tres se escabullen nunha barca río abaixo, atopando unha illa na que se quedan varios días, libres e xogando e charlando todo o tempo. Mentres, en St. Petersburg, toda a vila os da por mortos, polo que os rapaces deciden regresar, reaparecendo xusto o día que se celebraba o seu propio funeral, ante a estupefacción e a alegría de todos, que a partir de entón os tratan como heroes.

Durante as vacacións, celébrase o xuízo polo asasinato do doutor Robinson, no que o indio Joe declara culpable a Muff Potter. Tom ten unha arroutada de valentía e conta a verdade, pero nese momento, o indio Joe escapa.

Sen noticias do indio Joe, Tom e Huck continúan coas súas aventuras. Un día van a unha casa abandonada na busca dun tesouro, e sorprendentemente descobren ao indio Joe e a outro home agochando alí cartos, e presencian como estes dous malfeitores atopan un cofre cheo de diñeiro. Non obstante, o indio Joe leva o cofre de alí polo que Tom e Huck terán que volver á vila para seguilo e descubrir onde o agocha.

Un día o xuíz Tatcher convida a todos os amigos de Becky a pasar un día de campo, preto dunha famosa cova chea de labirintos que atraían moito a atención da xente. Ese día Huck Finn escoita por casualidade ao indio Joe dicirlle ao seu compañeiro que vai matar a unha boa muller da vila, a viúva Douglas. Huck consegue axuda e salva a vida da viúva Douglas, que lle estará eternamente agradecida e o acabará adoptando para convertelo nun home de proveito.

Ao día seguinte, todo o mundo se decata de que Tom e Becky están desaparecidos, xa que non regresaran da cova, na que se atopaban perdidos. Os dous rapaces camiñan durante días intentando atopar unha saída e descobren a un home cunha vela tamén na cova, resultando ser o indio Joe, que por sorte desaparece. Finalmente, Tom a topa unha pequena saída nunha rocha, xusto cando ía deixar de camiñar na busca dunha saída, pois deixara atrás a Becky, exhausta, e cada un sostiña o extremo dunha corda que xa non tiña máis percorrido. Tom cumpre así a promesa de atopar unha saída e salvar a vida de ambos, pero despois disto, o xuíz Thatcher manda tapiar a saída da caverna. Cando Tom o descobre, corre desesperado a contar que o indio Joe estaba dentro. Todos acoden alí, e ao retirar a porta de ferro que mandara poñer o pai de Becky atopan alí mesmo ao indio Joe morto.

Posteriormente, Tom cóntalle a Huck que o tesouro do indio Joe tiña que estar agochado na famosa cova. Os rapaces acaban encontrando o cofre grazas ao que descubriran espiando ao indio Joe na casa abandonada e fanse ricos. O xuíz Thatcher, moi orgulloso de Tom, pensa darlle unha nova  vida a Tom Sawyer, mentres que a Huckleberry Finn ocórrelle máis ou menos o mesmo ao ser acollido pola viúva Douglas. Non obstante, a Huck desgústalle cambiar de vida e deixar a un lado as súas antigas costumes e aventuras con Tom. Aínda así, o propio Tom é o que o convence de que a riqueza non porque cambiar o seu obxectivo de chegar a ser un bandido e os dous rematan por prometerse que se volverán xuntar para delinquir en Paraguai.

 Roi Ferro

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s