Pasamos páxina para facermos “click”

Autor: David Parra Valcarce, José Álvarez Marcos

Título: Ciberperiodismo

Lugar de edición: Madrid

Ano de edición: 2004

Editorial: Síntesis

O feito de que cada vez estea máis estendido o acceso a Internet está a mudar tanto o proceso produtivo dos medios informativos como os hábitos da audiencia. As distancias entre o xornalista e o lector acúrtanse cada vez máis grazas ao concepto de interacción. O hipertexto forma parte da nosa vida diaria. Dispoñemos de varios aparellos electrónicos a través dos cales temos acceso á información. Aínda así, os medios impresos resisten, iso si, con dificultades. Segundo o resumo do estudo xeral de medios (EGM) de 2011, os xornais en papel perden presenza case ao mesmo ritmo que sobe Internet,  algo que non sucede coa radio.

O ciberxornalismo esténdese na sociedade, case sen darnos conta, e está presente na nosa vida cotiá a través dos máis variados trebellos. En xeral, asociamos o ciberxornalismo ás páxinas web dos medios impresos. A realidade é ben distinta. É certo que os xornais que contan cunha maior difusión na súa versión impresa teñen tamén, segundo o EGM da audiencia en Internet, un importante seguimento na rede pero non están sos. Conviven con outros portais que non naceron a partir dun medio impreso, como por exemplo Liderdiario.com, vinculado á cadea de emisoras de Radio Líder, ou mesmo páxinas que puxeron en funcionamento empresas alleas a calquera outro medio de comunicación. De feito, en Galicia deuse o caso contrario: un medio electrónico que co tempo se publicaría tamén no soporte impreso. Foi o caso do xa desaparecido Xornal.com.

As redes sociais son outra das pezas clave na situación actual dos medios informativos. Isto é seguramente o que revolucionou de forma definitiva as rutinas dos xornalistas e tamén a estrutura dos medios para os que traballan. Non hai moito tempo, os medios de comunicación tan só estaban presentes nas redes sociais, sen máis, pero na actualidade son cada vez máis activos e crean contidos específicos para esas plataformas. Hoxe en día, tanto os medios analóxicos, como os dixitais, como os gabinetes de prensa de diferentes entidades buscan xornalistas que se encarguen da creación e xestión de contidos para as súas páxinas ou perfís nas redes sociais.

Por outra banda, a información dixital non chega aos usuarios só a través do ordenador. Hoxe en día dispoñemos dunha gran variedade de aparellos cos que nos podemos conectar á rede para manternos informados. As “tablets”, os teléfonos móbiles, os libros electrónicos e mesmo algúns televisores dispoñen non só de conexión a Internet senón tamén de aplicacións específicas para o acceso aos portais de información, alertas de noticias, etc. Tampouco Internet é o único soporte do xornalismo dixital. Practicamente dende a popularización dos teléfonos móbiles, a cidadanía pode recibir noticias a través de mensaxes SMS e, aínda que polo momento non está moi desenvolvida, tanto a televisión dixital (TDT) como o seu equivalente na radio (DAB) ofrecen a posibilidade da interacción e a “multimedialidade”, características propias dos medios dixitais.

A tendencia xeral é a de comparar os medios dixitais cos impresos pero seguramente non son comparables, polo menos na súa totalidade, xa que os primeiros teñen unha estrutura propia que os fan diferentes aos outros. Os medios dixitais reúnen en si mesmos as características que os xornais impresos, a radio e a televisión teñen por separado e, ademais, posúen outras novas, como a “hipertextualidade” e a interacción, case en tempo real, do usuario co medio.

 J. A. España

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s