Prensa e galeguismo: historia dun fracaso

ImageAutora: Margarida Ledo

Título:                  Prensa e galeguismo : da prensa galega do XIX ao primeiro periódico nacionalista : 20 anos de “A Nosa Terra”, (1916-1936)

Lugar de edición:  Sada

Ano de edición: 1982

Editorial: Ediciós do Castro

  

2011 foi o ano máis negro para a prensa en Galicia. A nosa profesión atravesa unha forte crise dende hai xa varios anos, tristemente agravada nestes últimos por mor da recesión económica. A maioría das cabeceira veñen de levar a cabo expedientes de regulación de emprego e moitas delas mesmo lles baixaron o soldo ós seus traballadores. Pero, se cadra, isto non foi o máis grave que ocorreu no ano que acabamos de deixar atrás.

A Peneira, Xornal de Galicia, Galicia Hoxe…son moitas as cabeceiras impresas ou dixitais que se deixaron de distribuír este ano. Curiosamente todas estaban  -en maior ou menor medida- escritas en galego. Por unhas razóns ou por outras  -non se trata aquí de entrar en cuestións políticas- o certo é que se pode dicir que, salvo honrosas excepcións, a lingua de Rosalía, a nosa lingua, ten desaparecido do panorama dos medios privados do país.

A Peneira, Xornal de Galicia, Galicia Hoxe…e A Nosa Terra. Porque si, ANT tampouco existe. O que fora o xornal das irmandades, o voceiro oficial do Partido Galeguista e, xa despois da ditadura, o semanario de referencia do nacionalismo marxista tampouco existe xa. É por iso que, nunha situación como na que nos atopamos, a obra de Margarida Ledo cobra, se cadra, aínda máis transcendencia. Prensa e galeguismo: unha fermosa asociación perdida que cómpre recuperar.

O breve libro divídese en dúas partes moi diferenciadas. Na primeira fálase da presenza que a nosa lingua e o compromiso político co país tiveron na prensa do século XIX. Publicacións como O tío Marcos d´A Portela ou -nunhas coordenadas bastante diferentes– El Heraldo Gallego foron exemplos do que poderíamos chamar unha “protoprensa” galeguista, aínda un tanto acomplexada, se cadra.

A revolución chegará, por tanto, en 1916, momento no que unha serie de insignes intelectuais pertencentes ás Irmandades da Fala crean na Coruña A Nosa Terra, unha publicación de carácter quincenal que axiña se convertirá nun gran referente para o incipiente nacionalismo galego. Precisamente, a segunda –e máis interesante- parte da obra céntrase na análise do que foi e supuxo este periódico. Así, a parte formal ou máis puramente xornalística pasa a un segundo plano, eclipsada pola visión de A Nosa Terra como voceiro das ideas galeguistas – de feito, a partir de 1931 convertiuse no órgano oficial do PG-.

Nese senso ideolóxico, ANT desa primeira etapa era moi diferente á que viría a partir da chegada da democracia, do mesmo xeito que o nacionalismo da Segunda República non ten, por desgraza, nada que ver co nacionalismo actual.

Lonxe dalgúns atrasos que había que entender polo contexto da época, como a excesiva atención que lle prestaba ós labregos fronte ó proletariado urbano –recordemos que Galicia era maioritariamente rural-, pódese dicir que ANT foi un xornal innovador e aberto nas teses que defendía, e axudou a construír o máis parecido a unha burguesía ou elite galeguista que houbo na historia: a que se agrupaba ó redor do Partido Galeguista. Nada ten que ver, polo tanto, aquela publicación, que aspiraba a un nacionalismo maioritario, emprendedor e interclasista, que a que rexurdiu nos anos 70, dun carácter moito máis sectario e cunha visión de Galicia pechada  que sempre foi -e seguirá a ser- minoritaria. Aspectos como a busca de sinerxias con Irlanda ou con Portugal –ós que ANT consideraba máis semellantes a Galicia que Castela-, son boa mostra da revolución que aquel galeguismo representado polo periódico coruñés supuña no panorama político e mediático da época.

Margarida Ledo amósanos , polo tanto, un xornalismo reflexo do seu tempo. Sen dúbida, ese necesario exercicio de memoria xornalística sería moito máis produtivo se analizase tamén o carácter que adquiriu a publicación na súa segunda época, e comparase ambas. Estaríamos ante a comparación do éxito e fracaso de A Nosa Terra -que desapareceu en 1936 por mor do golpe militar e fíxoo en 2011 porque ninguén a mercaba-; ou o que é o mesmo, ante a comparación dun nacionalismo maioritario que foi quen de aprobar un estatuto de autonomía e outro marxinal que se opuxo a el. Definitivamente, calquera tempo pasado foi mellor… 

 

Marcos Fernández Lema

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s