“vaya coña…olvidar la historia”

ImageTítulo: Galicia hoy y el resto del mundo.

Autor: Isaac Díaz Pardo

Lugar de edición: Sada (A Coruña)

Año: 1987

Editorial: Edicións do Castro

 


 

Condensar nunha obra datos autobiográficos xunto con crónica histórica e sumarlle a todo iso un ton reivindicativo rebelde e inconformista ten como resultado este libro. Unha apaixonante aventura capaz de transportar ó lector da man do autor a innumerables escenarios e mesmo ós campos de batalla. Unha mestura de sentimentos que viaxan da man de Don Isaac e que perduran tornándose máis intensas ó chegar ás derradeiras páxinas para rematar con ese gusto amargo que che deixan eses libros que non quererías ter lido tan axiña.

Galicia hoy y el resto del mundo é un berro de indignación nunha Galicia que recibiu por herdanza costumes “neomozárabes” e “neomudéxares” resultado de 40 anos de sometemento franquista. O propio autor é quen cuña estes neoloxismos describindo as devanditas tendencias. Costumes dun pobo sometido que de a poucos non consegue espertar dun profundo sono durmido naquela longa noite de pedra. Xentes dobregadas polo espírito de reconquista do alzamento do ano 36 que se foron adurmiñando paseniño ó son das marchas marciais e dos cantares patrios e que co devir da democracia seguen pendurados dos loureiros dos que se subiron durante a ditadura.

O autor fai unha crítica desta sociedade conformista rodeada de tecnoloxías ás que el denomina “técnica moderna” que nos adormecen e que nos fan esquecer das loitas e dos compromisos dos que tomaron parte os esquecidos, ese tropel de intelectuais e galeguistas que querían para Galicia liberdade, determinación, loita pola terra, pola nosa cultura de verdade. Díaz Pardo di que a cultura de folclore e de tradicionalismos nos cega da nosa esencia verdadeira, e quen nolo fai crer como tal son aqueles que pretenden que continuemos aletargados como pobo. Se moitos intelectuais galeguistas da República e das Irmandades loitaron tan intensamente nos anos 30 era xustamente para levar máis alá ese “rexionalismo” que aínda hoxe permanece. Mais todo ese esforzo veríase truncado pola guerra. Galicia perdería a oportunidade de evolucionar e progresar como pobo unha vez máis. Unha das xeracións máis brillantes e prolíficas de intelectuais galegos, e outros tantos do resto da península veríanse forzados ó exilio e ó ostracismo obrigado polas circunstancias. Outros pola contra quedaron para evitar que o espolio fose menor e salvagardar o necesario para comezar de novo.

Así capítulo a capítulo Isaac nos vai narrando a crónica tanto persoal como dos que se cruzaron ó longo da súa vida e que exerceron unha notable influencia nel, sobre todo galeguistas da época amigos do seu pai Camilo Díaz Valiño (a quen mataron os falanxistas no 36). En resumo ó longo das páxinas a mensaxe principal é a de non conformarse e loitar tomando como exemplo a todos aqueles que tiveron ese obxectivo como único horizonte na vida e que en ningún momento se renderon. Hoxe son semente que xerminará tarde ou cedo e mesmo dunha maneira máis forte.

Na análise da situación do resto do mundo o autor condensa a situación política e social do momento (o libro sae a finais dos anos 80, en 1987) lamentando que a evolución da sociedade a un concepto de individualismo e consumo onde predomina o capitalismo e falta a solidariedade entre iguais e o mundo camiña desesperanzado cara o século XXI. Pero o que e aínda máis grave, camiña cara adiante querendo obviar o pasado. Xa para rematar, no primeiro capítulo Díaz Pardo sentencia: “no logro comprender cómo gentes que gozan de una formación universitaria importante tengan reticencias a que el rigor histórico se conozca”. E á xente nova dilles: “hay muchos jóvenes que hoy pasan de todo esfuerzo y que le produciría mucha más pena a Castelao que aquellos que tenían prisa y “fachenda” por sacarle la antorcha de la mano”

Como opinión persoal teño que dicir que este libro me sorprendeu moito xa que descubrín unha faceta de Isaac Díaz Pardo que descoñecía ata o de agora. Díaz Pardo foi un home como moitos da súa quinta que cultivou case tódalas ramas da arte e da cultura. Foi unha verdadeira personaxe de época. Pintor, deseñador, ceramista, intelectual, escritor… incansable loitador por Galicia, polas xentes, pola causa libertaria e ata columnista por un tempo no xornal La Voz de Galicia e a todo iso súmaselle o gran espírito de loita que tiña.

 

David Leiro Magdalena

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s