Artigos que “fan” historia

Autor: varios, editado por Justino Sinova
Título: Un siglo en 100 artículos
Lugar de edición: Madrid
Ano de edición: 2002
Editorial: La Esfera de los Libros

Un siglo en 100 artículos convértese nunha auténtica antoloxía do articulismo do século XX, a través da cal Justino Sinova recolle nesta obra o mellor do xornalismo literario e político español deste período. Entre as diferentes pezas vaise construíndo así unha liña histórica, que se converte no fío condutor.

Pois, este volume proposto por Sinova vai máis alá dunha simple recopilación de artigos de xornal suxeitos ao trascorrer do pasado século. O xornalista, tamén escritor e profesor, soubo recoller de xeito inmellorable a realidade e o carácter da anterior centuria, trazando así as liñas mestras da historia española deste período.

Trátase dunha compilación de cen artigos xornalísticos doutros tantos autores cos que pretende, segundo aclara a introdución do volume, repasar “la historia política y social de 100 años convulsos y emocionantes” para “apreciar el estilo de vida de cada etapa” e asistir “al progreso de un siglo”. Recolle así a historia de España vista a través de cen articulistas españois.

O colofón pono un texto de Fernando Savater publicado no ano 2000. Este condena a violencia do terrorismo, e a súa decepción ante a pasividade da sociedade que, segundo el, desvía a súa atención cara a outro lado cada vez que se comete un crime a mans da banda armada ETA.

Pero Pardo Bazán e Savater, encargados de abrir e pechar esta obra, respectivamente, non son os únicos autores que desfilan por estas páxinas: Pérez Galdós, Miguel de Unamuno, Valle-Inclán, Antonio Machado, Jacinto Benavente, Pío Baroja, Azorín, Ortega y Gasset, Wenceslao Fernández Flórez, Miguel Mihura, Miguel Delibes, Vargas Llosa… Escritores totalmente incompatibles tanto no ámbito persoal coma no político. De ahí o recoñecemento a Sinova polo seu acerto ao realizar esta selección de textos tan significativos e tan distintos.

En definitiva, tódolos artigos veñen a responder ás grandes preocupacións españolas do seu momento: a vida política, o nacionalismo catalán e vasco, a Guerra Civil, o franquismo, a chegada da democracia… o día a día que veu marcando o século XX español.

Persoalmente, pódense observar dúas liñas de evolución paralelas a través desta obra. Por unha banda, a historia, sobre todo social e política, dos últimos cen anos plasmada nos escritos de figuras tan importantes como as arriba nomeadas. Por outra, a evolución deste xénero xornalístico, o artigo, ao longo dun século. E, asi mesmo, deixando constancia de que aínda que sexa un texto breve, iso non implica que non poida ser á súa vez un texto profundo e tan válido coma outros para a reflexión propia, e ao mesmo tempo, convidar aos demais a que participen dela.

Miriam Varela Fernández

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s