Compromiso a prol da verdade

Autor: Ryszard Kapuscinski

Título: La guerra del fútbol y otros reportajes

Lugar e ano de edición: Barcelona, 2008

Editorial: Anagrama, S.A.

 

Ao longo da súa carreira como corresponsal no estranxeiro, o polaco Ryszard Kapuscinski gastou os seus zapatos entre América e África co único propósito de ser testemuña e narrador da verdade. Cos seus traballos marcou un antes e un despois na historia do xornalismo de guerra e influíu a moitos reporteiros posteriores.

Exerceu o seu traballo en plena Guerra Fría, nunhas décadas durante as que os países colonizados espertaban do seu letargo e se atrevían a desafiar ás metrópoles dominantes. Claridade, ironía e lucidez son algúns dos trazos que definen a prosa deste historiador e xornalista que, con grande capacidade de análise, conseguía crear na mente do lector as imaxes que el presenciaba de primeira man. Kapuscinski contextualizaba á perfección cada unha das súas reportaxes e documentábase exhaustivamente antes de escribir (“para escribir unha páxina hai que ler cen”), podendo explicar así desde todos os prismas posíbeis as causas que propiciaban os conflitos; ao mesmo tempo, restaba importancia a outro tipo de datos de carácter puramente cuantitativo.

O seu era un xornalismo realizado desde dentro. Non era corresponsal de hotel e fax, senón que levaba a súa labor até as últimas consecuencias: “non se pode escribir sobre alguén con quen non compartiches como mínimo algún momento da súa vida”. Vivía en pisos situados en barrios conflitivos, integrábase en todo tipo de ambientes… Isto levou a que a súa vida correse perigo, chegando a ser condeado a morte en varias ocasións. A súa capacidade de reacción ante calquera situación unida á honestidade e a certas doses de sorte permitiron que saíse indemne de todas elas, convertíndose nun dos profesionais do xornalismo máis respectados da historia.

 

A guerra do fútbol

A guerra do fútbol foi un conflito armado entre os países centroamericanos de Honduras e El Salvador que tivo como detonante un partido de clasificación para a Copa Mundial de México de 1970. O que en primeiro lugar foi un conxunto de enfrontamentos entre afeccionados dunha e outra selección acabou converténdose nun problema de magnitude nacional que derivou nunha curta pero intensa guerra. 100 horas foron suficientes para que se acadasen as cifras de 6000 mortos e máis de 20000 feridos.

As causas reais radicaron, como non, no control das multinacionais estadounidenses sobre estes países centroamericanos. En primeiro lugar, 300000 campesiños de El Salvador, país pequeno con grande densidade de poboación, establecéranse en terras de Honduras. Daquela, o goberno hondureño, ao servizo da oligarquía terratenente estadounidense, decidira deixar grande cantidade das súas extensións para que o trust americano United Fruit establecese as súas plantacións, mentres que outras ficaron en mans dos campesiños de Honduras. Os salvadoreños tiñan que volver á casa, onde non había xeito de gañar o pan. Os gobernos pasábanse a bóla sen atopar solución a este problema de terras mentres alimentaban as hostilidades a través dos medios de comunicación. Nesa voráxine de acontecementos chegou o partido de fútbol entre as seleccións dun e doutro país e, como afirma Kapuscinski, en América a tenue fronteira entre fútbol e política e difícil de distinguir. Grazas ao baño de sangue os dous pequenos países atraeron a intención internacional por uns días. Os gobernos estaban satisfeitos.

 

 

A nova África

A guerra do fútbol e outras reportaxes contén tamén outros escritos da década dos 60, cando diversos países africanos quixeron escribir un futuro mellor que o que lles legara a súa condición colonial.

Nunha memorábel reportaxe sobre a situación de Arxelia, o xornalista polaco dá as claves para entender por que tantos gobernos democráticos africanos derivaron en ditaduras ao longo das últimas décadas. Ben Bella en Arxelia, Lumumba no Congo, Sékou Touré en Guinea… todos eles comezaban os seus mandatos cargados de boas intencións e afán construtivo, mais o paso do tempo e os poucos éxitos colleitados íanos empurrando cara un sentimento de impotencia total ante a imposibilidade de cambiar as cousas. O analfabetismo, o fanatismo relixioso e as loitas tribais, a economía primitiva definida por un subdesenvolvemento secular, a chantaxe desde fóra do país e a corrupción desde dentro… todo se conxuraba para botar abaixo as medidas que os gobernantes poñían en práctica. A única saída posíbel era entón impoñer máis control, gobernar con maior autoridade… A deriva cara á ditadura xa estaba en marcha e o único que ficaba era esperar a que a oposición preparase un golpe e o ciclo se repetise. A historia é cíclica.

 

David Fontán

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s