“Días y noches de amor y guerra” de E. Galeano

Autor: Eduardo Galeano

Título: Días y noches de amor y de guerra

Lugar e ano de edición: Barcelona, 1981

Editorial: Laia, S.A.

 

Conformado a partir dun conxunto de historias breves, Días y noches de amor y de guerra permite que o lector imaxine e deseñe a historia recente (e non tan recente) da América Latina. Os escritos mesturan relatos da realidade cotiá con grandes acontecementos, vidas de presidentes como Allende coas de ditadores como o General Barrientos… Na obra os indíxenas e os yankees tamén teñen o seu papel, levando a cabo a eterna loita pola terra baixo a permisiva mirada dos gobernos, escravos estes da oligarquía empresarial terratenente. O resultado é un auténtico mosaico latinoamericano: mate nas rúas de Montevideo, cafés bonaerenses, favelas en Rio, mineritos en Bolivia… Mar, area, terra, montañas, grandes urbes. Exotismo. América en estado puro.

“Aquella noche me di cuenta de que yo era un cazador de palabras. Para eso había nacido. Ésa iba a ser mi manera de estar con los demás después de muerto y así no se me iban a morir del todo las personas y las cosas que yo había querido.”

Nesta obra, Eduardo Galeano abre o seu corazón de par en par. Fala do seu pasado, dos seus medos, das súas esperanzas, das súas ilusións, dos seus amores, das súas amizades… Amosa o seu amor pola literatura, dando acubillo a narracións que nos falan de Alejo Carpentier ou de Juan Rulfo, ademais de explicarnos por que el mesmo se converteu en escritor. As súas vivencias xornalísticas en diferentes publicacións tamén ocupa un lugar destacado, do mesmo xeito que o fútbol, grande paixón do uruguaio.

Galeano non busca nada máis que rescatar a memoria da noite dos tempos e denunciar as grandes inxustizas que se cometen no nome da liberdade e a democracia. Cunha prosa poética e sincera, reafírmase na convicción de que o futuro pode ter outra cor. O horror hai que combatilo con amor, solidariedade e paixón.

“La máquina enseña a aceptar el horror como se acepta el frío en invierno”.

Galeano realiza unha descarnada crítica do sistema vixente, destacando o seu carácter deshumanizador e antisocial. Fálanos de violacións, de encarceramentos, de xenerais asasinos e de inocentes fusilados, de sacerdotes que miran pero non ven. Cóntanos como bos pais de familia, deses que ven a televisión cos seus fillos, son no seu horario de traballo excelentes torturadores. Sen o máis mínimo remordemento. Como calquera outro funcionario. Durante anos, as prisións e os cuarteis de Latinoamérica quedaban a escuras polo excesivo uso de electricidade.

 

“Y entonces afirmó que el pasado no iba a volver, con voz de trueno afirmó que nunca Cuba regresaría al infierno de la plantación colonial y el prostíbulo para extranjeros, y la multitud le respondió con un alarido que hizo temblar la tierra”

A Cuba dos 60 e 70 tamén cabe neste libro. Sitúase en frente ao resto dos países latinoamericanos, con mirada desafiante e orgullosa. Os parámetros que a definen son outros.

Galeano cóntanos que en Cuba hai dificultades. A economía sofre. Hai descontento. Pero tamén sabe que, como di Fidel, a revolución traballa para os tempos futuros. É grande porque é solidaria, é forte porque non teme ao bloqueo nin ás ameazas, é sincera porque o Che a construiu coa súa mirada limpa. Hai erros, desorganización, desviacións burocráticas. Ninguén dixo que cambiar o mundo fose fácil.

David Fontán Bestilleiro

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s