Os milagres da memoria

Título: Memoria da emigración I
Autor: Xosé Neira Vilas
Lugar e ano de edición: Galicia, 1997.
Editorial: Edicións do Castro

 Os corenta capítulos que compoñen este libro son produto dos milagres da memoria que Xosé Neira Vilas foi recollendo polas terras americanas de alén mar. Desta maneira, o autor transmítenos as vivencias de ilustres galegos nas Américas como Castelao, Cabanillas ou María Valverde. Pero tamén doutros personaxes menos coñecidos e cunhas historias insólitas como é o caso do Capitán Marabilla (Xosé Pena). Todos estes personaxes están unidos polo mesmo fío, ese fío que os une a Galicia por naceren nela e polo amor que lle procesan.

Xosé Neira Vilas vai construíndo ós personaxes mediante unha suma de anécdotas que enganchan ó lector. Non só nos mostra ó Castelao que emigrou ós Estados Unidos e que espallou a súa arte e as reivindicacións pola súa terra, senón que tamén nos ensina o seu lado máis persoal: a súa forma de ser. Para isto utiliza unha anécdota do ilustre escritor e debuxante galego con Basilio Álvarez: Cando xogaban ó dominó, os compañeiros procuraban non afogarlle o seis dobre. E se por descoido esto ocorría, Basilio voltábase aínda máis triste e deprimido. Castelao entón poñíase de pé e dicíalle: “Pero Basilio, caracho!… Escoita, Basilio”. E cantáballe unha copla ben picante co que Basilio trocaba de humor e ría coma un neno. Desta maneira, Neira Vilas amósanos un Castelao vital e capaz de superar os contratempos.

Pero o escritor non só se centra en intelectuais galegos senón tamén nas incribles historias dalgúns emigrantes galegos. Un exemplo é o de Xosé Pena. Este galego de Limodre, Fene, foi un mariñeiro que andivo de porto en porto para rematar de cociñeiro de Benito Mussolini. Neira Vilas móstranos tamén os sentimentos que fan ó Capitan Marabilla un home máis humano e real: a morriña que sentía por Galicia, a incomodidade que lle producía ser o cociñeiro do Duce, etc. E ademais cóntanos anécdotas da retranca galega de Xosé Pena: un día [o Duce] preguntoulle: “Che ti piace di piú, L’Italia o L’Espagna?”. E el contestoulle cauteloso: “Lo stesso”. E o home, con cara de xabarín, decatouse da retranca do galego, púxolle unha man no ombreiro e chantoulle: “Bella testa, spagnolo”.

Así, Xosé Neira Vilas recompón o quebracabezas da memoria dos emigrantes galegos e móstranos unha realidade que non se pode separar da realidade galega do momento. O autor, mediante unha suma de anécdotas contadas polos propios protagonistas dos feitos ou por terceiros, consegue mostrarnos tódalas perspectivas dos personaxes: dende a profesional ata a máis persoal.

Soraya Cruz Portela

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s