Información revestida de literatura

  Autor: Bernal, Sebastiá e Chillón, Lluís Albert
  Título: Periodismo informativo de creación
  Lugar de edición: Barcelona
  Ano de edición: 1985
  Editorial: Mitre D.L.

Non sempre é fácil establecer os límites dun xénero xornalístico, tendo en conta que o terreo de encontro entre xornalismo e literatura é cada día máis amplo. Deste xogo sinuoso entre ambos nace unha gran variedade de narracións híbridas, como é o caso dos textos informativos de creación. Para Bernal e Chillón, autores en conxunto do libro que aquí se está a tratar, “los periodistas que practican el periodismo informativo de creación renuncian a ofrecer una imagen estática, ahistórica, objetiva e inconexa de lo que acontece”.

Pero antes de entrar en profundidade nas directrices que definen o xornalismo informativo de creación, os autores convídannos a facer unha viaxe a través do tempo para coñecer un pouco o recorrido histórico desta tendencia.

Comezan situándonos no Novo Xornalismo estadounidense da segunda metade do século XX. Unha época que supuxo unha renovación nas formas de narración de reportaxes, crónicas e entrevistas. Os xornalistas do momento saben que para chegar ao lector deben comezar a aplicar as técnicas propias da literatura, consideradas ata entón incorrectas polo xornalismo tradicional. Ao mesmo tempo, o xornalista asume un maior protagonismo, xa que dá a súa visión persoal dos acontecementos, aínda que da forma máis obxectiva posible.

Nese recorrido histórico tamén teñen tempo para achegarse a autores españois como Pío Baroja, Ortega y Gasset, Emilia Pardo Bazán… que contribuíron coa súa producíón a que o xornalismo literario deixase tamén pegada no noso país.

Tampouco se esquecen de Daniel Defoe, John Reed, Ernest Hemingway, George Orwell, Günter Wallraff, Oriana Fallaci, Gabriel García Márquez… que tamén seguiron esa liña de entrexogar co mellor do xornalismo e a literatura.

Antes de definir o xornalimo informativo de creación, é preciso aclarar que o termo “creación” non ten aquí o significado de “invención”. Recorre á linguaxe literaria, pero sempre basándose en feitos reais. Non debe entenderse por tanto como unha perda de obxectividade, se ben, tal e como aclaran os propios autores ao comezo do libro, a obxectividade absoluta non existe. É inalcanzable, xa que durante o proceso de recollida, elaboración e difusión levase a cabo unha selección e unha interpretación por parte do xornalista da realidade que impiden coñecela dende tódolos seus ángulos.

Con todo, calquera texto informativo de creación é ante todo un mensaxe cunha función informativa, pero ademais cunha función estética, expresiva, sempre e cando esa liberdade expresiva non se antepoña aos fins informativos. Así mesmo, reivindica a maior participación do xornalista e convida a unha maior contextualización e profundización dos acontecementos.

 Esta maneira de escribir é tan válida coma o xornalismo obxectivo e, de feito, pode facer chegar a realidade ao lector de forma máis efectiva que as formas típicas de redacción informativa.

É en definitiva, un produto caracterizado polo uso de técnicas expresivas propias da literatura que tradicionalmente non tiñan cabida na información convencional, pero que nos últimos tempos se extenderon a outro tipo de textos xornalísticos para comunicar algo tan puramente xornalístico como é a información.

Miriam Varela Fernández

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s