Rúas con significado

 

Autor: Varios (os coordinadores editoriais son Francisco Espiñeira Fandiño e Cristóbal Atienza Gutiérrez)

Título: La ciudad de los periodistas

Lugar de edición: A Coruña

Ano de edición: 2008

Editorial: Asociación de la Prensa de La Coruña

Eu vivín ata os once anos na rúa Eladio Rodríguez González da Coruña. Probablemente foi ese nome -xunto co dos meus pais e o dos meus irmáns- o que máis repetín durante a miña infancia. Mais apenas sabía a quen se refería. Só recordo que un ano veu o alcalde inaugurar unha ampliación da rúa, que consistía en asfaltar a zona das casas baixas, alá onde se pinchaban os drogatas do parque. Seica era o día das Letras Galegas e ese ano dedicábanllo a Eladio. Había ser un poeta, pensara.

Eladio Rodríguez González, un dos fundadores da RAG, conta cunha rúa no barrio de Santa Margarida.

Por desgraza, a miña ignorancia infantil non é un caso único. Máis ben ó contrario: cantos coruñeses saben a quen fai referencia o nome da rúa na que residen? Seguramente poucos.

Por sorte, iso si, existe este libro. É grazas a el que podo dicir que un día como hoxe sei quen foi Eladio Rodríguez. O curioso é que de Historiador Vedía  -o personaxe ó que está dedicada a miña nova rúa- sigo sen ter nin idea.

Farían falta, pois, moitos máis libros como o da Asociación de la Prensa de La Coruña para sermos conscientes do noso presente a través do coñecemento do noso pasado. En calquera caso, La ciudad de los periodistas, refírese, como o seu nome indica, ás rúas coruñesas bautizadas na honra de diferentes xornalistas, que se contan por máis de cincuenta.

O libro constitúe, polo tanto, ademais dun necesario exercicio de memoria histórica “callejera”, un manual esencial para calquera xornalista e coruñés -ou xornalista coruñés- que se precie, pois sen esas referencias pretéritas non se entendería o xornalismo que hoxe en día se practica na cidade.

El Noroeste, un dos primeiros xornais coruñeses, onde escribiron moitos dos autores que se nomean neste libro. Foto tomada nos arquivos da sede da Asociación de la Prensa de La Coruña, editora da obra.

La ciudad de los periodistas estrutúrase a través dun esquema moi sinxelo: trátase dunha compilación de artigos na que diversos especialistas analizan a vida daqueles xornalistas sobranceiros que máis vinculación tiveron coa cidade. En cada artigo, nárrase a biografía da personaxe correspondente e se contan anécdotas sobre a súa vida, sempre despois de relacionalo cunha determinada arteria do rueiro coruñés.

É precisamente esa ristra de anécdotas a que invita a profundar máis na vida dos xornalistas a través dunha bibliografía ampliada -que algunhas veces xa se recolle ó final dos artigos-, polo que se pode concluír que estamos ante unha obra de consulta, máis que ante un libro que se poida ler de principio a fin. Correspóndelle, deste xeito, ó lector escoller as biografías que máis lle interesen, pois non se trata tanto de ter unha visión global do xornalismo coruñés como de coñecer as traxectorias vitais dalgúns dos xornalistas que foron recoñecidos cunha rúa na cidade herculina.

Entre os  máis destacables dos que aparecen na obra, poderiámonos quedar con varios, dado que é complicado establecer criterios obxectivos que nos permitan realiza unha boa escolma, polo que dependerá dos gustos de cada persoa.

No meu caso, interesoume especialmente a vida do propio Eladio Rodríguez e, sobre todo, as de Salvador de Madariaga, Casares Quiroga e Alexandre Bóveda. Os tres son boa mostra de que La ciudad de los periodistas non só recolle a traxectoria de personaxes que son coñecidos e foron recoñecidos como xornalistas, senón doutros homes e mulleres destacados nalgún ámbito non xornalistico –neste caso o político, pero tamén abunda o literario- que, a pesar diso, colaboraban en diferentes medios.

Salvador de Madariaga, Santiago Casares Quiroga e Alexandre Bóveda, tres destacados homes da política que tamén tiveron relación coa profesión xornalística.

Mestúranse, pois, no libro, os xornalistas e os que non o eran, nun “mix” onde o factor común que os une a  todos é -ademais da súa relación coa nosa profesión- o feito de seren considerados como unhas personaxes de gran relevancia na historia da cidade, e, en consecuencia, de ter obtido unha rúa na súa honra. Coma Eladio Rodríguez. E coma tantos outros  dos que sabemos o nome pero nada máis. Libros coma este axudan a que non siga sendo así.

Marcos Fernández Lema

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s