Xornalismo: un oficio moderno, unha práctica antiga

Autor: Giorgio Vasari

Título: Vidas de pintores, escultores y arquitectos ilustres

Lugar de edición: México

Ano de edición: 1996

Editorial: Universidad Nacional Autónoma de México

Un xornalista é aquel que indaga, constrúe e comparte; que recolle a información para transmitirlla ó resto. É un filtro entre a realidade e a sociedade. ¿Quen decide o que é xornalismo? Ou, mellor dito, ¿quen decide onde naceu o xornalismo? Dende logo, o xornalismo non naceu canda o primeiro xornal, senón co primeiro xornalista. ¿E quen foi? Pois non se sabe, pode que nacese incluso antes de Cristo. Pero, o que está claro, é que o primeiro xornalista –e o segundo, e o terceiro- non sabía que o era.

Chega con recorrer a Heródoto ou mesmo a Xulio César para darse conta de que o xornalismo é algo que estivo presente ó longo da historia moito máis do que pensamos. A cuestión está en que moitos textos chegaron a nós como pura literatura, cando no medio dela xa despuntaban pinceladas de xornalismo. Así acontece no caso de Giorgio Vasari, pintor e arquitecto renacentista que se dedicou ademais a recoller por escrito as vidas de diversos artistas da época. Miguel Anxo, Rafael, Giotto, Da Vinci… todos eles se atopan nesta obra de Vasari na que tamén se vislumbra timidamente o xornalismo. Así pois, Vasari é tamén un filtro entre a vida dos artistas e os seus lectores. Unha gazza que toma deles aquelas cousas máis brillantes para compartilas co resto. As Vidas que escribe este autor non son máis que biografías dos personaxes ós que se refiren. Son catro ou cinco follas nas que o lector pode coñecer como foi o percorrido vital de cada un deles. Mais esta información é ofrecida dun xeito moi cercano, onde o autor intervén continuamente. Hai sempre unha contextualización da época, así como alusións que demostran que Vasati estivo en contacto con algúns deles. Non se trata dun simple labor de documentación, senón que se achega bastante á labor dun cronista, que narra unha realidade vivida por unha serie de figuras coas que ás veces comparte vida. Pola súa forma, cada capítulo deste libro podería ser un extra semanal dedicado á arte dun xornal actual. O máis curioso é que finalmente o autor redacta a súa propia vida, o cal se achega máis que nunca ó que coñecemos como crónica. ¿Quen marca, neste senso, a liña que separa unha autobiografía dunha crónica? É complicado.

Non se trata dunha obra xornalística propiamente dita. Pero nela hai xornalismo, ó igual que o hai en moitas obras que nos ten deixado a historia da literatura. Exemplares así fan pensar na orixe incerta dun oficio moderno, que se leva camuflando entre as páxinas dos libros durante séculos.

Olalla Liñares.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s