Arquivo por etiquetas: Pascual Serrano

Desmontando a cultura da violencia

Autor: Pascual Serrano
Título: Medios violentos. Palabras e imágenes para el odio y la guerra
Lugar e ano de edición: Barcelona, 2008
Editorial: El Viejo Topo

Hoxe dous mortos, onte cinco feridos, antonte dúas bombas. Isto é todo o que sabemos dos conflitos. As guerras preséntanse nos medios como se fosen filmes de ficción de escasa calidade. Identificamos bos e malos, pero non chegamos a coñecer o contexto que envolve cada situación, os seus antecedentes… O predominio da imaxe tamén xoga un papel clave, xa que como explica Serrano, as televisións seguen actualmente a teoría de que introducir imaxes gravadas no lugar dos feitos é suficiente para que a xente entenda o ocorrido. E a  sociedade non pode comprender as razóns que levan aos enfrontamentos armados porque ninguén llas explica, o que se agrava cando hai intereses de Occidente polo medio. Os medios acostuman a ser portavoces dos gobernos dos países ricos en vez de ser vixilantes dos seus actos. E a que se pode deber isto? Pascual Serrano dá dúas respostas posíbeis. A primeira baséase no uso que fan dos medios as partes en conflito para conseguir que sirvan aos seus intereses ideolóxicos, véndose as empresas de comunicación beneficiadas economicamente ou con favores dos gobernos. A segunda deixa en peor lugar, se cabe, aos grupos de comunicación. Esta non é a outra que o feito de que a violencia vende. A realidade da actuación dos medios en conflitos é desgarradora e triste.

Cunha fluída redacción e unha prosa sinxela, Pascual Serrano aproveita todos os recursos posíbeis (moitas notas a pé de páxina conteñen links a ilustrativos vídeos e textos que se poden atopar en internet) para explicarnos como son tratados informativamente diferentes conflitos por todo o mundo. En Medios violentos. Palabras e imágenes para el odio y la guerra o autor presta principal atención á actuación dos medios do Estado español. Non só se fala das guerras, senón que no libro se inclúen tamén decenas de exemplos da cobertura mediática que reciben o terrorismo, a inmigración, as manifestacións ou simplemente os procesos electorais. A manipulación e a información parcial e sen contrastar son o pan de cada día. E o que é aínda máis grave, os medios actúan en moitos casos como acicates da violencia. Serrano tamén explica en profundidade a importancia da linguaxe á hora de demonizar ou lexitimar a actuación dun e outro bando, aspecto transversal ao longo de todo o texto. Un bo exemplo é a utilización da palabra “prevención” para xustificar a represión que o goberno de Israel infrinxe contra os palestinos.

A guerra

“Lo que empezó como una misión en dos tranquilas provincias iraquíes (…) se tornó de la noche a la mañana en un infierno del que, por suerte, se salió sin víctimas humanas”.

Así recolle o xornal catalán La Vanguardia o ocorrido cos soldados españois en Nayaf (Iraq) o 4 de abril de 2004. Polo visto, os 20 iraquíes falecidos non merecen ser considerados humanos.

O autor tamén trata no seu libro a cuestión das misións de paz e as intervencións humanitarias. O uso deses termos, igual que o feito de chamarlle “defensa” a todo o relacionado coa guerra busca seducir a opinión pública. Para aclarar este asunto, Serrano inclúe no seu libro este texto escrito por Alberto Piris, xeneral español na reserva, que considero que merece ser resaltado:

“las misiones calificadas de humanitarias (…) han sido exaltadas hasta extremos exagerados, no deben hacer olvidar la cuestión fundamental: que los ejércitos tienen como misión básica ser capaces de hacer la guerra y ganarla. En caso contrario resultarían inútiles y podrían ser reemplazados por otras instituciones menos costosas y más adecuadas a las tareas de ayuda a la reconstrucción de los pueblos devastados por la guerra o calamidades.

Outro aspecto recollido no libro é o de que os medios xogaron en diferentes ocasións papeis fundamentais á hora de enfrontar cidadáns e alimentar a morte. Tanto é así que en Ruanda algúns directivos de empresas xornalísticas foron condenados por crimes contra a humanidade durante a guerra dos Grandes Lagos, en 1994. Na guerra dos Balcáns os medios tamén foron claves no enfrontamento étnico, impoñendo a idea nacionalista-xenófoba nos cidadáns serbios, croatas…

As manifestacións

Isto non só ocorre coas guerras. Moitas manifestacións só son recollidas se hai enfrontamentos contra a policía. O habitual é que sexan silenciadas. Ademais, o feito violento é o obxecto da noticia, mentres que as posicións e propostas dunha parte e outra rara vez son explicadas con profundidade. O xornalista pasa sobre esta cuestión con pés lixeiros. A noticia constitúea o manifestante, unha especie de “rebelde sen causa”, e a imaxe que se transmite é a de que este protesta recurrindo á violencia. Tamén hai casos de manifesta manipulación, como amosa en 2007 o títular do ABC sobre unha manifestación de protesta contra o AVE por considerar que dana o medioambiente. A ela acudiron desde o sindicato ELA-STV (Eusko Langileen Alkartasuna-Solidaridad de los trabajadores vascos) ou Ezker Batua (partido vasco federado en Izquierda Unida) até diferentes movementos ecoloxistas, así como grupos vinculados a Batasuna, mais o xornal español resumiuno con “Los proetarras se vuelven a manifestar contra el tren de alta velocidad”.

De presidentes e ditadores

En Medios Violentos, Pascual Serrano presenta as dúas varas de medir que os medios de comunicación utilizan á hora de calificar a diferentes gobernantes como presidentes ou ditadores. Un dos casos máis claros é o de Haji Mohammad Suharto, que chegou ao goberno de Indonesia en 1966 tras un golpe de Estado apoiado pola CIA. Na represión posterior morreron máis de medio millón de militantes comunistas e opositores ao réxime en xeral. En 1975 invadiu Timor Leste, masacrando a un terzo da poboación, ao redor de duascentas mil persoas. Isto é o que EFE explicou sobre a súa traxectoria no goberno o día da súa morte:

“Aparta a Sukarno del poder y, en 1967, la Asamblea Nacional le nombra presidente de la nación y da comienzo la era del Nuevo Orden: estabilidad, crecimiento, desarrollo y orden.”

Na mesma liña está a cobertura de El País do 8 de decembro de 2007 sobre un cumio ao que acudiu o exlíder libio Muammar el Gaddafi. A el refírense como “El presidente libio, Muammar el Gaddafi, en la Universidad de Lisboa” ou “la estrella del día fue el líder libio Muammar el Gaddafi”. Todos sabemos que apelativos lle dirixiron os medios durante o último ano.

No extremo oposto atopamos o trato de ditador que recibe Hugo Chávez. Sen entrar a valorar a súa xestión, caso que non nos ocupa, é innegábel que é presidente electo pola maioría dos venezolanos. Neste libro tamén se narra a manipulación levada a cabo por diferentes medios de Venezuela, especialmente no referente ao episodio de Puente Llaguno encadrado na tentativa de derrocar a Chávez mediante un golpe de Estado (11 de abril de 2002).

Que facer?

Para Pascual Serrano, unha das solucións que poden ser máis válidas para o problema da violencia apoiada polos medios é o xornalismo preventivo. A análise en profundidade das causas dos enfrontamentos é clave á hora de realizar este tipo de xornalismo. Igual que os medios poden incendiar e provocar a guerra, tamén poden axudar a previr e incluso a reconciliar, contribuindo así á resolución pacífica dos conflitos.

David Fontán Bestilleiro

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized